HomePontevedraPontevedraRearborízate volve para darlle unha segunda vida ás árbores naturais de Nadal

Rearborízate volve para darlle unha segunda vida ás árbores naturais de Nadal

- Anuncio -spot_img

‣ A Concellaría de Montes retoma a campaña para que os veciños e veciñas compren árbores naturais para decorar nestas festas e despois poidan plantalas no “Bosque de Nadal” de Tomeza.

‣ A iniciativa volve a facerse en colaboración coa Comunidade de Montes de Tomeza.

Coa chegada das Festas de Nadal, a Concellaría de Montes que xestiona Alberto Oubiña en colaboración do departamento de Festas, retoma o programa Rearborízate que pretende alongar a vida das árbores de Nadal vivas que nestas datas encherán de vida e alegría os fogares, comunidades de veciños, centros de traballo… dos pontevedreses e pontevedresas.

A Comunidade de Montes de Tomeza volverá a ceder un espazo no monte comunal para que os donos e donas das árbores naturais de Nadal poidan replantar o seu exemplar permitindo que continúe con vida no monte. No caso de que non queiran plantar persoalmente a árbore, o Concello poderá recollelas e encargarse de plantalas.

A plantación está prevista para o vindeiro 9 de xaneiro e todas as persoas que queiran participar no programa, deben poñerse en contacto coa Concellaría de Montes no teléfono teléfono 986804300 (extensión 7583) ou cubrindo o formulario habilitado no web apuntate.pontevedra.gal antes do 5 de xaneiro.

O departamento porase en contacto con cada participante para informarlles das datas de plantación ou, no caso de que só queiran entregar a árbore, onde poderán depositala.

Para que as árbores sexan viables no monte, a Concellaría pide que durante o Nadal (mentres a árbore está nos domicilios ou centros de traballo) se adopten uns coidados sinxelos:
• A árbore debe estar afastada de fontes de calor como radiadores ou chemineas, e tamén debe estar preto dunha fiestra, e incluso, que lle dea aire fresco.
• Require un rego abundante pero sen encharcala. Un pouco de auga na base, a diario, será suficiente para que sobreviva.
• As árbores deberán conservar o seu terrón, e non deben ter as pólas cortadas, senón non sobrevivirán.

Difusión da campaña
Para a difusión da campaña Rearborízate, o departamento de Montes distribuirá folletos sobre a iniciativa no Mercado de árbores que a Concellaría de Festas instalará na praza de Ourense entre o 3 e o 5 de decembro. Esta é unha iniciativa pioneira que se pon en marcha por vez primeira neste Nadal.

Ademais, tamén se distribuirá información no Poboado de Nadal e nos comercios e viveiros do concello que se adiquen á venda de árbores de Nadal vivas.

A Concellaría de Montes quere aproveitar o Nadal para seguir fomentando o Efecto PO2, reducir a pegada ecolóxica de Pontevedra e contribuír ao desenvolvemento sostible da vida na cidade. Traballa paseniñamente co ánimo de que, pouco a pouco, os pontevedreses e pontevedresas vaian substituíndo as súas árbores artificiais por árbores naturais, e contribuír a recuperación dos montes, especialmente, do anel verde do concello.

O Bosque de Nadal
Na pasada edición de Rearborízate, a Concellaría de Montes plantou 25 exemplares no que se deu en chamar “O bosque de Nadal”. O departamento contou coa colaboración dunhas 40 persoas (30 adultos e uns 10 nenos e nenas) que se achegaron ao monte de Tomeza para plantar as súas árbores de Nadal.

A parcela escollida está próxima á cidade, situada ao carón do campo de fútbol vello de Tomeza (subindo cara a San Cibrán). A parcela foi previamente tratada con compost procedente dos centros de compostaxe comunitaria.

Moitos de aqueles exemplares están vivos a día de hoxe e seguen a ser coidados pola comunidade de montes de Tomeza, que xa agarda a remesa destas festas para que o Bosque de Nadal sega a crecer.

Publicacións Relacionadas