• “Dese hai tempo que apostamos polos emprendedores no sector primario erguendo pontes e canles de comunicación entre Medio Rural e produtores de mel, arándanos, carne e horta ecolóxica e a creación de pastizais a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias”
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou a celebración na vindeira primavera das “Xornadas Luís Caramés” para potenciar ao sector primario, dixitalizar as Pemes, potenciar o tecido económico e crear unha marca propia identitaria da trazabilidade dos produtos de calidade xerados no municipio.
Cubela fixo este anuncio no transcurso do Pleno desta semana ante a moción presentada polo BNG na que se solicitaba un plan de promoción para produtores locais. “Decaeu polo seu propio peso no Pleno porque non tiña sentido cando xa desde antes da pandemia estabamos a traballar cos emprendedores do sector primario na posta en marcha de sinerxias que teñen como punto de partida as Xornadas Luís Caramés, que terán lugar nesta primavera e que marcarán o tramo final da lexislatura. De todos os xeitos recibimos con optimismo que o BNG se queira sumar, aínda que sexa tarde, ás iniciativas que emprendemos e levamos a cabo con moito tempo, dedicación e traballo e que agora comeza a agromar públicamente con estas Xornadas”.
O alcalde indicou que estas xornadas levarán o nome de Luís Caramés na honra do catedrático de economía falecido ao longo deste ano e que sempre tivo moi presente as súas orixes e inquedanzas profesionais e afectivas moi vencelladas ao concello de Cerdedo-Cotobade.
3 OBXECTIVOS PARA O FUTURO DO SECTOR PRIMARIO
As Xornadas Luís Caramés, ademais de supoñer unha iniciativa pioneira no municipio para fomentar o “feedback” entre os emprendedores do sector primario, terán como obxectivos principais impulsar un centro de transformación, crear unha marca propia que axude á trazabilidade dos produtos de calidade do concello de Cerdedo-Cotobade e xerar unha sinerxia de colaboración entre os distintos sectores primarios para dar un salto cualitativo
importante a través da dixitalización e a procura de novos mercados.
“Estamos ante un auténtico reto de futuro para a Galicia rural para non so frenar o despoboamento senón potenciar dun xeito activo as grandes posibilidades que temos no noso municipio para apostar polo noso futuro.
Queremos que durante estas Xornadas se senten as bases, dun xeito claro e participativo, do modelo de negocio e de visibilización de Cerdedo-Cotobade como marchamo de calidade no mundo en sectores tan dispares como o mel, a carne, o cultivo de arándanos, a horta ecolóxica, etc. Queremos apostar polos nosos emprendedores e axudar a incentivar o movemento asociativo e a xeolocalización de Cerdedo-Cotobade como un territorio definido pola calidade e a garantía dos seus produtos e a profesionalidade dos seus produtores”, indicou o alcalde.
Jorge Cubela sinalou que “a partir destas Xornadas daremos un paso máis que vai máis alá do que estivemos facendo nos últimos tempos e que obedece á nosa vocación decidida de apostar pola nosa xente e polo rural. Dese hai tempo que apostamos polos emprendedores no sector primario erguendo pontes e canles de comunicación entre Medio Rural e produtores de mel, arándanos, carne e horta ecolóxica e a creación de pastizais a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Agora toca dar o salto definitivo e as Xornadas serán o punto de partida para esta nova e apaixoante aventura que terá como protagonistas aos nosos emprendedores e os nosos produtos de calidade”.



