― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, achegouse hoxe ao municipio ourensán no que se renovou a instalación eléctrica cunha aportación de 47.000 euros da Administración galega
― O Goberno galego investiu preto de 367.000 euros en axudas a Toén para dotar aos veciños de servizos que melloren a súa calidade de vida
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o Concello de Toén, co que a Xunta asinou un convenio de colaboración para a renovación do alumeado exterior.
A instalación eléctrica exterior do Concello de Toén presentaba un grado de deterioro que, por cuestións ambientais pero tamén de seguridade, facía necesaria a súa renovación. Con ese obxectivo, a Xunta e a Administración local asinaron un convenio de colaboración para a renovación este ano do alumeado exterior nas parroquias de Puga, Feá, Alongos e Toén, coa actuación en 9 cadros de do alumeado e en 98 puntos de luz.
Natalia Prieto subliñou que, con esta actuación na que a Xunta investiu 47.000 euros, conseguíase un aforro enerxético e económico, ademais de reducir as emisións de gases contaminantes coa renovación dunhas instalacións acorde co que esixe a normativa en vigor.
O Goberno galego, na súa aposta polo coidado ambiental e polo impulso da eficiencia enerxética para reducir a contaminación luminosa, colabora con concellos galegos na renovación dos sistemas do alumeado, como se fixo no caso de Toén coa firma dun convenio de colaboración para a mellora enerxética exterior.
No caso de Toén, o concello ourensán beneficiouse nos últimos anos de axudas da Xunta por valor de preto de 367.000 euros, o que permitiu, entre outras actuacións, levar a cabo desde o 2009 diferentes intervencións na mellora da iluminación das parroquias e lugares do municipio, así como melloras nas infraestruturas e nos parques públicos, no saneamento ou nas estradas.