― A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Vilamarín na mesa redonda As vítimas de violencia de xénero sen esquecer a educación, organizada polo CIM da mancomunidade
― No encontro destacou que a rede de centros de información á muller sensibilizan e desenvolven un labor de prevención contra a violencia de xénero e a favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes
― Sinalou que a Xunta dispón de recursos de acollemento, axudas económicas e programas de incentivos á contratación para apoiar ás vítimas da violencia machista
― No primeiro mes do ano, a Xunta activou xa 10 millóns de euros en apoios destinados a loitar contra a violencia de xénero e axudar ás mulleres especialmente vulnerables
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Vilamarín na mesa redonda As vítimas de violencia de xénero sen esquecer a educación, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade Santa Águeda, na que afondou sobre os recursos e axudas dos que dispón a Administración autonómica para loitar contra a violencia de xénero e puxo en valor o traballo diario da Rede de Centros de Información á Muller (CIM) para previr e sensibilizar contra esta lacra social, dous eixos nos que xira a política da Xunta para combater a violencia machista.
López Abella lembrou que os centros de información á muller proporcionan unha atención específica e especializada ás mulleres. O da Mancomunidade Santa Águeda só en 2021 desenvolveu preto de 100 consultas de asesoramento xurídico, 241 de apoio psicolóxico e prestou atención a 35 mulleres vítimas de violencia de xénero. Os CIM son un recurso de titularidade municipal, que a Xunta apoiou en 2021 con cinco millóns de euros, elevando o orzamento destinado en 2020 nun 2,5%. Nos últimos anos, o da Mancomunidade Santa Águeda recibiu un apoio da Administración autonómica de preto de 300.000 euros.
Galicia conta na actualidade con 84 centros de información á muller con representación nas catro provincias galegas tras a apertura en 2020 do CIM do Pereiro de Aguiar e en 2021 do emprazado en Carballeda de Avia, ambos os dous na provincia de Ourense. A creación dos CIM depende dos concellos galegos, sendo a competencia da Xunta a de verificar os requisitos para o seu recoñecemento e acreditación. Os 84 CIM dan servizo a 191 concellos galegos, o que representa o 81% da poboación total.
Con respecto aos recursos de acollemento, López Abella explicou que a Administración galega ten articulada unha rede de casas de acollida que están interconectadas entre si e que prestan servizo en distintas localidades das catro provincias galegas en colaboración con outras institucións. Así mesmo, apuntou que a Xunta mantén “unha estreita colaboración” con entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de dispositivos destinados á atención integral de mulleres vítimas de explotación sexual e trata. Tamén fixo referencia a outros recursos de acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero como son as axudas dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o financiamento de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Galicia, ademais, tal e como comentou a secretaria xeral da Igualdade, está adherida ao Protocolo nacional de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas. Como recurso complementario a este protocolo, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Amtega, puxo en marcha o mapa de recursos en liña para loitar contra a violencia de xénero.
Axudas económicas
Así mesmo, lembrou que Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar cunha axuda económica mensual para as vítimas que se mantén durante todo o ano, a prestación periódica e dispón, ademais, de apoios de pago único, incentivos á contratación e programas de inserción laboral dirixidos ás mulleres con especiais dificultades na procura dun emprego co reto de facilitar a súa recuperación integral e independencia económica.
Indicou, ademais, que a Xunta garante a percepción das indemnizacións económicas fixadas por sentenza xudicial ás mulleres vítimas de violencia de xénero, menores ou persoas dependentes delas e xestiona os apoios económicos aos fillos orfos, así como a vítimas de violencia vicaria. A Administración galega tamén ofrece programas como o bono de alugueiro social ou asistencia xurídica gratuíta a vítimas de violencia sexual.
No primeiro mes do ano, a Xunta activou xa 10 millóns de euros en apoios destinados a loitar contra a violencia de xénero e axudar ás mulleres especialmente vulnerables.
Para rematar, López Abella sinalou a importancia da colaboración entre todas as institucións para seguir loitando contra a violencia de xénero e erradicar os comportamentos machistas na sociedade.