Home A Coruña Moeche, Cerdido e San Sadurniño demándanlle ao Catastro que corrixa a súa...

Moeche, Cerdido e San Sadurniño demándanlle ao Catastro que corrixa a súa cartografía

- Anuncio -

Se vostede solicitou nalgunha ocasión información ao Catastro sobre algunha terra da súa propiedade, é probable que atopase que os datos facilitados non se axustaban exactamente á realidade da parcela. Incluso lle puido pasar que a superficie que figuraba na información catastral non se correspondía coa que tiña vostede nas escrituras. Mesmo puido verse no caso de que o plano do Catastro mostrase a súa finca solapada coa do veciño, cunha feitura distinta ou movida varios metros con respecto a onde están realmente. Calquera das anteriores situacións -e ás veces todas- son exemplos das discrepancias máis comúns que se dan entre a realidade física das propiedades e a información que manexa o Catastro. O problema vén de vello e tentar solventalo -algo que debe facer cadaquén- supón tempo, gastos e voltas, sen garantías de que a información acabe modificándose nun prazo razoable. Por iso os concellos de Moeche, Cerdido e San Sadurniño acaban de solicitarlle á Dirección Xeral do Catastro que corrixa de oficio a súa cartografía e outra información errónea dos tres municipios, comezando pola das zonas de concentración parcelaria.

Para apuntalar a petición, o escrito incorpora varios exemplos gráficos que evidencian as discordancias existentes entre a realidade dos bens e a que se mostra na información do Catastro. Son desfases en superficies totais, na situación exacta de vías públicas e dos propios terreos, delimitacións cartográficas que non se corresponden coas parcelas e incluso incongruencias nas propias fichas catastrais, onde aparecen grandes diferenzas entre as superficies “gráficas” e as de “cultivos” que en teoría deberían ter cifras idénticas.

Erros que ao parecer non existían na cartografía catastral máis antiga -vese claramente na que usaba as ortofotos do voo americano dos anos 50- e que, segundo se sinala no escrito, “son o resultado dunha incorrecta modificación da cartografía por parte da Dirección Xeral do Catastro”.

Cabe recordar que a formación e mantemento do Catastro Inmobiliario é competencia directa deste organismo dependente do Ministerio de Facenda e que, ademais, as persoas titulares teñen dereito a que no Catastro figuren debidamente descritos todos os seus inmobles. Esa é a teoría, aínda que a realidade é un tanto distinta, xa que calquera corrección na información catastral -aínda sendo por erros achacables á administración- require que sexa a persoa interesada quen solicite a subsanación da discrepancia e quen achegue probas -medicións certificadas, croquis, ortofotos do catastro antigo, etc.-, con todo o que iso supón en tempo e gastos, sen contar que tamén deben estar de acordo as titulares colindantes se os seus bens se visen afectados dalgún modo polo cambio solicitado.

Ademais, segundo comentan desde Ámbita Oficina Técnica -a firma que asesorou aos consistorios nesta petición formal-, o feito de que haxa discrepancias entre as medidas reais e as catastrais tamén ten implicacións no caso de que se queiran comprar ou vender predios inscritos no Rexistro da Propiedade, como é o caso de todos aqueles orixinados en procesos de concentración parcelaria. “Se a superficie que indica o Catastro difire en máis dun 10% da que figura no rexistro, non sería posible inscribir un cambio de titulariedade mentres non se subsanen as discrepancias”, explica Marcos Durán, un dos responsables da consultora.

Por todas estas razóns, os tres concellos solicitan da Dirección Xeral do Catastro “que se inicien de oficio os correspondentes procesos de corrección de discrepancias, co fin de manter a concordancia entre o Catastro e a realidade inmobiliaria”. Sinalan os consistorios que “como mínimo” a corrección debe atender aos datos “alfanuméricos e gráficos” dos terreos afectados por concentracións parcelarias. Moeche, Cerdido e San Sadurniño tamén piden que, unha vez concluídos os traballos, a información lle sexa comunicada ao Rexistro da Propiedade, “en cumprimento da lexislación vixente”.

Os tres municipios insisten en que se pretende solventar “un problema que vén de vello e que require unha solución inmediata que só pode ofrecer quen creou o problema, que non son os concellos nin a veciñanza, senón o propio Catastro”, comenta Beatriz Bascoy. A rexedora de Moeche quixo recalcar que a petición asinada polos concellos “non vai supor cambios na ponencia de valores nin subidas na contribución”.

Relacionadas

Fene contratará 2 peóns/oas forestais con cargo ao programa APROL Rural 2024

0
As persoas traballadoras que se contraten deberán estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego na modalidade de peón/oa forestal O Concello de Fene vén...

O pavillón das Lagoas acollerá mañá a “II Xornada da Liga Galega de Halterofilia”

0
O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Susana Basoa, presidenta do club Gaman, e David Losada, presidente da Federación Galega de...

A III Feira dá Cultura EnCaMiño celebrarase os días 19, 20 e 21 de...

0
● Xa se presentou un anticipo do cartel, con 14 autores e autoras que confirmaron a súa presenza neste evento, que se consolida tras...

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel organizan un curso de...

0
A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel -quen xestiona o colmear didáctico da Cortiña- ofrecen unha nova...

O proxecto cultural ‘Galicia Latente’ presentarase en Camariñas o próximo martes

0
· O IES Pedra da Aguia acollerá, ás 16:30 horas, a proxección dun documental sobre a Galicia do presente e un coloquio posterior para...

Bienal de Pintura do Eixo Atlântico

0
O Centro Cultural Lustres Rivas acolleu onte a inauguración da exposición Bienal de Pintura do Eixo Atlântico, onde estiveron presentes a Concelleira de Cultura;...

Publicacións Relacionadas