Home A Coruña O Fondo Galego de Cooperación supervisa en Mozambique os proxectos de infancia...

O Fondo Galego de Cooperación supervisa en Mozambique os proxectos de infancia e vivenda

- Anuncio -

Representantes da asociación municipalista e dos concellos de Nigrán, Cartelle e Cambre afianzan a colaboración coas entidades locais do país

Unha delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade áchase desde o mércores en Mozambique para supervisar os proxectos apoiados no país lusófono no eido dos dereitos da infancia, construción de vivendas ou dotación dos servizos de auga e alumeado público, entre outros. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e edil de Cartelle, Daniel Fernández, e mais a concelleira de Benestar Social de Cambre, Lúa Sanguiñedo, acompañados por unha responsable técnica, aproveitarán tamén para a fortalecer a colaboración coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos (ANAMM) e outras organizacións locais.

A axenda inclúe a visita a distintas accións de post emerxencia xurdidas tras o paso do ciclón Idai e outros furacáns que nos últimos anos asolaron o país africano, considerado un dos máis vulnerables perante o cambio climático. Entre elas, a construción de catro vivendas resilientes en Boane, que supón un investimento de 42.000 euros cofinanciado polo Fondo Galego e a Xunta de Galicia. Tamén a reparación e ampliación da cobertura dos servizos de auga e iluminación pública no municipio de Nhamatanda, ás que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinou 42.600 euros, tras canalizar previamente outros 10.000 euros de urxencia para a dotación de depósitos de auga, produtos para o seu tratamento, útiles de hixiene e limpeza e mais materiais de construción para rehabilitar infraestruturas.

A delegación poderá coñecer ademais o programa de promoción dos dereitos da infancia no medio rural impulsado pola Fundação Encontro, ao que o Fondo Galego leva varios anos contribuíndo e que contou tamén cunha achega extraordinaria de 15.000 euros por parte do Concello de Cambre. No marco desta iniciativa, centos de nenas e nenos reciben apoio nutricional nas escolas, trabállase na desestruturación dos estereotipos de xénero e mellórase a asistencia sanitaria. Por outra parte, a misión a terreo incorporou así mesmo a visita ao centro de acollida de menores ‘1º de Maio’, que no pasado recibiu axuda do Fondo Galego para atender necesidades básicas e que a día de hoxe continúa desbordado.

Doutra banda, a comitiva galega aproveitou para facer entrega dos materiais adquiridos no marco da campaña ‘Unha rapariga, un paquete de compresas’, que proporciona braguiñas menstruais ás rapazas para que non falten ás aulas mentres teñen a regra, freando así o abandono escolar e reducindo tanto o gasto como o impacto ambiental, xa que son lavables e reutilizables. Esta iniciativa local vai dirixida ás mozas con menos recursos e compleméntase con xornadas de reflexión sobre os problemas que lles afectan, poñendo o foco no matrimonio prematuro, o embarazo precoz, a violencia de xénero e o abuso sexual.

As e os representantes municipais mantiveron asemade encontros institucionais coa Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, o Instituto Nacional de Xestión de Desastres e a propia ANAMM, a fin de facer balance e establecer futuras liñas de colaboración. A maiores, persoal dos concellos galegos achegará asesoramento aos actuais proxectos a través do programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar.
Un dos países máis empobrecidos
Mozambique ten experimentado avances considerables desde os Acordos de Paz de 1992, pero o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser un dos máis baixos do planeta, ao ocupar o posto 181 entre os 188 contemplados. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, mentres que a esperanza de vida se sitúa nos 54 anos. Os datos de alfabetización, mortalidade infantil e incidencia do VIH son tamén alarmantes. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita cada día por reverter a situación, algunhas con colaboración internacional.

Tal é o caso dos municipios e organizacións apoiadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que impulsou ata o momento unha vintena de proxectos no país africano cuns 350.000 euros de investimento, canalizando así as inquedanzas de máis dun cento de concellos e deputacións de Galicia para contribuír á construción dun mundo máis xusto. Mozambique está considerado país prioritario tanto polo Fondo Galego como pola Cooperación Galega e a Cooperación Española.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Relacionadas

A choiva dá unha tregua a veciánza de Lantaño para que poida saír en...

0
O alcalde, Ricardo Martínez, encabezou a comitiva que tras saír da capela foi do Cruceiro do Culebrón ao de Paredes e regreso acompañada do...

A Xunta destaca na Festa do Champiñón o potencial agrogandeiro da Comarca de Ordes

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza de Deportes, Diego Calvo, percorreu esta mañá acompañado do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo o recinto da...

O PSOE de Santiago mobilízase en apoio a Pedro Sánchez e “contra as accións...

0
Arredor dun centenar de militantes e simpatizantes concentráronse fronte a Casa do Pobo de Compostela para amosar o seu apoio “rotundo, absoluto e sen...

O Concello de Ponteceso arrastra unha débeda de case 3 millóns de euros, máis...

0
 O goberno local puxo en marcha unha auditoría externa para analizar os servizos e prezos das facturas pendentes de 2020 a 2023  Unha...

O executivo local levará a pleno a inicios de maio uns orzamentos “sociais” que...

0
 Ao igual que no resto de cuestións de goberno, o equipo liderado por Sergio Platas abriu a fiestra de diálogo co resto de...

O Concello xestiona con Infraestruturas a construción de vivendas de protección pública, dúas melloras...

0
• A nova conselleira, María Martínez Allegue, recibiu onte ao alcalde, Valentín Calvín, e o concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Medio Rural, Jaime...

Publicacións Relacionadas