• O alcalde Sobral vén de asinar un acordo coa Comunidade de Montes de Combarro, a través do cal o Goberno local prevé habilitar un circuíto de bicicletas BTT nunha parcela situada nas proximidades da Canceira
• O convenio contará cunha vixencia de 25 anos, con outros 25 prorrogables, e engade tamén actuacións en favor da dinamización, mantemento e conservación de pistas, rutas de sendeiros ou áreas recreativas
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, asinou o pasado venres un convenio de colaboración coa Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro, a través da cal o Concello reafirma a súa aposta pola sostibilidade dos bosques e o compromiso de loitar contra a degradación da biodiversidade, a través de iniciativas de coidado, arranxo e posta a punto de diferentes espazos naturais e de esparcemento. O rexedor estivo acompañado por responsables da agrupación de comuneiros e pola concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG).
O convenio terá unha vixencia de 25 anos, con posibilidade de prórroga doutros 25. O alcalde Sobral destacou que esta rúbrica “consolida a liña de traballo conxunto e colaboración que vimos desenvolvendo desde o Concello con Rega dos Agros”. Neste caso, un dos puntos a salientar do acordo é que servirá para ampliar as instalacións
deportivas municipais, xa que nunha das súas cláusulas se inclúe o compromiso por parte do Goberno local de habilitar un circuíto BTT, que será o primeiro específico para este tipo de bicicletas que se habilite en Poio. Tanto o alcalde como a responsable de Deportes salientaron a necesidade de impulsar esta actuación para “dar resposta a unha demanda do tecido deportivo local”. Estas instalacións emprazaranse nas proximidades da Canceira.
O documento, que foi aprobado por unanimidade no pasado Pleno ordinario de maio, aposta tamén por garantir o cumprimento dos obxectivos en materia de desenvolvemento sostible que figuran na Axenda 2030. Deste xeito, ademais de impulsar o novo circuíto BTT, o Concello de Poio tamén se compromete a continuar desenvolvendo traballos a actuacións que sirvan para garantir o mantemento e a posta a punto de zonas como as áreas recreativas, miradoiros e rutas de sendeirismo que existen na zona, así como habilitar novas sendas. Ademais, a Administración local continuará facendo os esforzos necesarios, en colaboración coa propia Comunidade de Montes, para avanzar na eliminación de especies invasores, ao tempo que se fomenta a reposición de especies autóctonas. A conservación das pistas forestais e dos petróglifos existentes na contorna son cuestións que tamén se inclúen neste convenio que, tal e como sinalou o alcalde Sobral, resultará “moi positivo e redundará no beneficio do propio monte e de toda a veciñanza”. Pola súa banda, a concelleira de Deportes salientou a importancia de continuar dando vida e consolidando zonas ao aire libre, de lecer e deportivas, no municipio, seguindo, deste xeito, coas premisas marcadas coa campaña Poio en Verde.