HomeA CoruñaUn total de 75 vehículos participarán esta fin de semana na 34...

Un total de 75 vehículos participarán esta fin de semana na 34 edición do Rally Cidade de Narón

- Anuncio -spot_img

A cidade acollerá esta fin de semana, dende o xoves ata o sábado, a trixéximo cuarta edición do Rally Cidade de Narón que reunirá a 75 vehículos procedentes de diferentes comunidades autónomas. A alcaldesa, Marián Ferreiro e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o evento xunto con Moncho Padín, secretario da Escudería Siroco Narón e director da proba, Ramiro Fandiño, responsable de Seguridade do rally, José Vicente Medina, vicepresidente da Federación Española de Automobilismo, o Comisario da Policía Nacional de Ferrol-Narón e varias autoridades da Garda Civil, así como da Policía Local e o Speis de Narón. Ferreiro recordou que a proba será puntuable para a Copa de España de Rallys de asfalto Cera-Recalvi e felicitou á Escudería Siroco Narón pola organización do evento, en colaboración co Concello e a Federación Galega de Automobilismo.

Ademáis de Narón, o rally discurrirá polos concellos de As Somozas, Cerdido, Monfero e Moeche. Así mesmo, na Praza de Galicia estivo o vehículo gañador da pasada edición desta proba, o Ford Fiesta R5 MKII do asturiano Óscar Palacios e en representación da Escudería Siroco Narón estiveron o BMW M3 de Fernando Rico e o Ford Escort RS MKII de Javier Bouza. Os irmáns Sergio e Diego Vallejo, Víctor Senra, Luís Vilariño e Francisco Dorado, entre outros, estarán entre os pilotos desta edición.

Ferreiro avanzou que a distancia total do percorrido será de preto de 400 quilómetros, en dez tramos cronometrados que suman 122 quilómetros. O xoves pola tarde levaranse a cabo as verificacións administrativas e técnicas no polígono de Río do Pozo, donde tamén se ubicará o parque de asistencias. O venres pola mañá, dende as 9.30 horas, será o shakedown para equipos Cera-Recalvi por Sedes (Narón) e pola tarde serán os dous primeiros tramos do rally, a partir das 17.00 horas, por Gradoi (Talleres Casal e Pernas), de 9,9 quilómetros e San Pedro (Ferrol), de 14,9 quilómetros. Na xornada do sábado pola mañá están programados, tamén a dobre pasada, dende as 9.00 horas os de Boucido (Talleres Gandoy), de 12,4 quilómetros, As Barbelas (Autolife Neumáticos), de 14,5 e Pedroso (Autos Pasuco), de 9,10 quilómetros, coa ceremonia de entrega de trofeos ás 16.15 horas nas inmediacións do Centro Comercial Odeón.

O director da carreira e o representante da Federación Española de Automobilismo agradeceron a implicación do Concello e do resto de firmas colaboradoras, indicando que participarán unhas 350 persoas no operativo do rally. Padín indicou sobre a proba que “quixemos facer un rally máis grande, similar ao de supercampionato e ogallá un día poidamos dar o salto” e destacou a calidade dos vehículos e pilotos que participarán na convocatoria, que se poden consultar a través da web: www.rallyenaron.org. Pola súa banda, o presidente da federación estatal felicitou ao Concello de Narón pola organización deste evento e recordou o reto do pasado ano para crear a copa Cera-Recalvi. “A lista de inscritos neste rally está moi ben e suporá tamén unha rendabilidade económica para o entorno”, indicou Medina.

A alcaldesa da cidade destacou que “é unha satisfacción poder celebrar un ano máis esta importante proba deportiva na cidade, que é xa toda unha referencia no mundo do automobilismo e da que disfrutaremos novamente esta fin de semana da man do Siroco Narón e de todas e todos os profesionais que dende as diferentes áreas velarán polo correcto desenvolvemento do rally, aos que agradezo o seu traballo”. Ferreiro, xunto co resto da organización, realizou un chamamento para que o público colabore, respectando todas as indicacións e recomendacións que se realicen dende a organización e tamén o medio ambiente.

As persoas interesadas poden consultar toda a información relativa a este evento deportivo –detalles dos diferentes tramos, participantes- a través da páxina web: http://www.rallyenaron.org/.

Publicacións Relacionadas