- A primeira fase da edificación permitirá acoller a 13 usuarios de forma permanente
- A Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo ( ASPAVI), inicio esta semana as primeiras tarefas do que será o maior paso adiante da institución tras a súa creación hai 20 anos, a construción da súa nova residencia en Pazos de Borbén. Un avance que permitirá ampliar o horario de atención da Asociación, que pasará de ser un Centro de día a ofrecer asistencia permanente os 365 días do ano.
- A nova residencia levantarase a escasos metros do centro de día e a súa construción completarase en varias fases coas que a residencia irá aumentando progresivamente a súa capacidade ata os 26 residentes. Nesta primeira parte, cuxo orzamento ascende a 1,3 millóns de euros, levantarase a estrutura principal do edificio e habilitarase a planta baixa para crear o primeiro módulo residencial, con capacidade para albergar ata 13 residentes coas súas correspondentes zonas de descanso e actividades.
- O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, acudiu á presentación dos traballos acompañado do presidente da Asociación e membros da Directiva da Comunidade de Montes Santa María de Pazos, que cedeu os terreos necesarios para iniciar o proxecto. “O centro de Día de Aspavi en Pazos de Borbén atende actualmente a 35 persoas de 9 concellos da zona. É todo un referente asistencial na provincia e sempre poderá contar co noso apoio”, destacou Iglesias.
- Pola súa banda, a directora do Centro de Día, Isabel Lorenzo, indicou que será necesario seguir buscando apoios para poder finalizar todas as fases da construción dun centro de gran importancia e función social na comarca pola cantidade de familias ás que presta asistencia. “Esta clase de servizos especializados son fundamentais para garantir a calidade de vida de moitas persoas con discapacidade e as súas familias, polo que necesitamos todo o apoio posible das administracións”, finalizou Lorenzo.