Agradecéuselle a Carnicería Cándido os anos de colaboración e axuda na organización dos eventos gastronómicos da Asociación Cultural.
Lucha Valladares fixo entrega á Cultural dun cadro pintado a man por ela coa igrexa de Forzáns como motivo
A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns aproveitou a celebración da recuperación da Festa dos Callos tras a pandemia da Covid-19 para homenaxear ao doutor Manuel Carrera, recentemente xubilado, e ao historiador e arqueólogo Buenaventura Aparicio, así como para agradecerlle a Carnicería Cándido, de Ponte Caldelas, os anos de colaboración e axuda na organización dos eventos gastronómicos que promove desde hai 16 anos esta entidade veciñal.
No transcurso deste evento de exaltación gastronómica dos callos, a veciña de Tourón Lucha Valladares regaloulle á Cultural de Forzáns un cadro pintado a man por ela mesma que ten como motivo inspirador a igrexa parroquial de San Pedro Fins de Forzáns que foi pendurado no salón principal do Centro Sociocultural.
A pesar do parón destes dous anos pola Covid-19, a Festa de Exaltación Gastronómica dos Callos volveu contar cunha afluencia total de comensais que completaron o aforo dispoñible no Centro Sociocultural de Forzáns. Nesta ocasión, os callos foron preparados ao estilo da zona por Irene Dasilva, Columba Álvarez e Teresa Covelo que sazonaron axeitadamente os ingredientes para ponderar o sabor e o regusto deste prato moi apreciado na comarca do Verdugo-Oitavén.
Os produtos galegos de calidade empregados na preparación de tan suculento prato foron adquiridos en Carnicería Cándido, da Praza de Abastos de Ponte Caldelas, rexentada por Felipe Ventín, como unha aposta clara e decidida polo comercio local e a garantía de fiabilidade que ofrecen dos establecementos da comarca.
O encontro veciñal foi aproveitado pola directiva da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns homenaxear ao doutor Manuel Carrera que despois de máis de 30 anos de servizo e atención sanitaria ininterrumpida aos veciños desta parroquia acadou a súa xubilación. Tamén recibiu un recoñecemento público o doutor en Historia e arqueólogo Buenaventura Aparicio Casado, divulgador e defensor da arte rupestre no municipio e un dos principais expertos en petróglifos de toda a península Ibérica e que mantén un vencello especial co municipio de Ponte Caldelas, a Área Arqueolóxica de Tourón; a Pedra do Cervo, de Cuñas; a Laxe da Irena, Parada; a Laxe do Barón e o Castro de Pena Redonda, en Forzáns.
Tamén se lle deu un agradecemento público a Cándido Garrido e Carmen Ventín, así como ao seu fillo Felipe, pola súa colaboración e axuda nos eventos gastronómicos que organiza desde hai anos a Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, a través da Carnicería Cándido, na Praza de Abastos de Ponte Caldelas.
BAILE OU ANDAINA EN CONTRA DO ENCORO
Despois do xantar, e para facilitar a dixestión, os asistentes á Festa dos Callos de Forzáns puderon elixir pasar a sobremesa gozando ao ritmo do Dúo Marema ou emprender un paseo ata o río Oitavén e coñecer os muíños e o paraíso natural que está amenazado pola posibilidade de que se constrúa no futuro un encoro de prosperar a proposta do estudio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que ten provocado as mobilizacións sociais e o nacemento da Plantaforma “Encoro Non”, que conta co apoio activo da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns e outros 115 colectivos veciñais, comunidades de montes, ecoloxistas, etc.