HomeVigoMosXa é realidade “O libro da rosa” de Mos, editado por Galaxia

Xa é realidade “O libro da rosa” de Mos, editado por Galaxia

- Anuncio -spot_img

Fai un ano que se anunciaba o proxecto, avanzando que se presentaría con motivo da Festa da Rosa 2022. Agora, unha vez rematada a obra e en plena festividade local, presentarase oficialmente o vindeiro 14 de xuño, tras o luns 13, Día da Rosa

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, informaron hoxe de que xa se atopa rematado e listo para lanzar ás librerías o gran proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.

Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saiu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.

A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista. A data da presentación oficial, que se celebrará no Pazo de Mos, será o vindeiro martes, 14 de xuño; durante a xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local: o 13 de xuño.

Os 10 autores e autoras galegos/as contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son:

AGUSTÍN AGRA

VICENTE ARAGUAS

MARÍA CANOSA

FRANCISCO CASTRO

RAQUEL CASTRO

MIRIAM COUCEIRO CASTRO

XESÚS FRAGA

DIEGO GIRÁLDEZ

MARÍA XOSÉ PORTEIRO

PURA SALCEDA

            Desde Galaxia definen así esta pequeña xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite

estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”. O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse hoxe “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademáis o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.

Publicacións Relacionadas