• Entre os equipos participantes figura o Poio Pescamar FS, que buscará o pase a semifinais a partires deste venres (20.00 horas)
• A concelleira de Deportes, Marga Caldas, salienta a importancia de organizar este tipo de eventos no municipio, que supoñen “un pulo para a actividade turística, hostaleira e comercial do municipio”
O Salón de Plenos acolleu este mércores a presentación do Campionato de España de Fútbol Sala en categoría infantil feminina, que ao longo da vindeira fin de semana se disputará no pavillón polideportivo da Seca, na parroquia de San Xoán. O Concello colabora na organización desta cita tan importante, unha fase final na que oito equipos de diferentes lugares do estado español competirán para levarse o título. Entre eles, atópase o equipo infantil do Poio Pescamar FS, que exercerá de anfitrión. O alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), o presidente do club poiense, Juanjo García, o directivo da Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández, e a presidenta de Pescamar, Lupe Murillo, deron a coñecer os detalles do torneo, que comezará o venres, 10 de xuño, e concluirá o domingo 12 coa celebración da gran final. O Poio Pescamar debutará o propio venres, ás 20.00 horas, contra o ADA Alcorcón, por un posto en semifinais. O equipo local chega a esta competición logo de proclamarse campión galego o pasado mes de maio.
O resto de equipos que toman parte neste torneo son o FSF César Augusta, o Futsal Mataró, o UB Conquense, o Futsal Alcantarilla e o UD Playas de Málaga. Os organizadores destacan o gran nivel desta competición, na que se darán cita algunhas das futbolistas que “a bo seguro darán que falar nos vindeiros anos ao máximo nivel”, tal e como augurou Marga Caldas. Neste sentido, a edil de Deportes felicitou ao Poio Pescamar e ao seu equipo infantil feminino por tomar parte nesta competición. “A día de hoxe o primeiro equipo xa está plenamente asentado na elite do fútbol sala feminino, pero tamén resulta un orgullo comprobar como o labor que realizan na base tamén está a obter os seus froitos”, afirmou a concelleira do Goberno municipal.
Ademais do atractivo que supón desde o punto de vista deportiva albergar un evento destas características, o alcalde Sobral tamén salienta o impacto económico que pode ter a celebración deste torneo no municipio poiense. “Unha competición no que participan equipos chegados de toda España sen dúbida vai supoñer unha inxección importante para dinamizar a actividade hostaleira e comercial de Poio”, augurou. É por iso polo que “desde o Concello de Poio seguiremos a traballar para atraer ao noso municipio eventos desta envergadura, tal e como vimos facendo nos últimos anos, tanto a nivel galego como estatal”. Neste aspecto, a concelleira de Deportes agradeceu á Federación e ao Poio Pescamar o traballo realizado para facer realidade esta proba na Seca e salientou o feito de que “a través deste torneo recibiremos a visita dun gran número de persoas, xa que, ademais das deportistas, hai que contar tamén coas súas familias, persoas achegadas e integrantes dos corpos técnicos, que poderán gozar dos atractivos que temos en Poio a nivel gastronómico, medio ambiental, paisaxístico e cultural”.