— A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina máis de 800.000 euros a estes recintos
— Estas actuacións contribuirán a fomentar o turismo e dinamizar a economía local dos concellos de Ourense, Punxín, Cenlle e Salvaterra de Miño
O Consello da Xunta coñeceu esta mañá a resolución da convocatoria de axudas para acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico de Galicia. En total, apoiaranse sete proxectos nun total de catro concellos galegos -Ourense, Punxín, Cenlle e Salvaterra de Miño- cun total de 801.777,67 euros.
Trátase dunha nova liña de apoios posta en marcha este ano pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de apoiar aos concellos galegos na realización de intervencións que contribúan a ofrecer máis e mellores servizos nas instalacións de augas termais do territorio.
As axudas cobren ata un máximo de 150.000 euros por proxecto e permitirán introducir melloras nas Burgas, a Burga do Canedo e A Chavasqueira (Ourense); así como na área termal do Bañiño (Punxín); Barbantes (Cenlle) e no espazo de Teáns (Salvaterra de Miño). Prevese unha mobilización total de 1,5M€.
O desenvolvemento destes proxectos suporá unha oportunidade para a posta en valor e uso deste tipo de espazos, o que contribuirá a fomentar o turismo e, en definitiva, a dinamización económica dos municipios.
Estes apoios enmárcanse no compromiso da Xunta de impulsar estes espazos, adaptándoos á demanda real da sociedade actual. Así, coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais de Galicia, a Comunidade converteuse en pioneira en España en regular estas instalacións, impulsando un crecemento ordenado e seguro do sector.
BENEFICIARIOS
Entidade solicitante | Actuación subvencionable | Investimento Subvencionable | Axuda concedida |
Concello de Salvaterra de Miño | Mellora do espazo lúdico termal de Teáns. Adquisición de sistemas de tres bombas sumerxibles, e melloras nos espazos verdes e instalacións de esparexemento | 78.175,82 | 62.540,65 |
Concello de Cenlle | Acondicionamento e mellora das instalacións do espazo termal do núcleo rural de Barbantes | 329.131,55 | 150.000 |
Concello de Punxín | Acondicionamento da área termal “O Bañiño” | 149.991,86 | 119.993,49 |
Concello de Ourense | Acondicionamento e mellora do espazo termal de uso lúdico de Burga do Canedo (Outariz Nº77) | 186.492,79 | 149.194,23 |
Concello de Ourense | Acondicionamento e mellora da piscina termal de uso lúdico das Burgas | 588.294,31 | 150.000 |
Concello de Ourense | Acondicionamento e mellora do espazo termal de uso lúdico da Chavasqueira (Caldas do Bispo N.º 70) | 60.441,40 | 48.353,12 |
Concello de Ourense | Acondicionamento e mellora do espazo termal de uso lúdico de Outariz (Outariz N.º 83) | 152.120,22 | 121.696,18 |
TOTAL | 1.544.647,95 | 801.777,67 |