HomePontevedraPoioO Monte Castrove acollerá este domingo a sétima Edición da Mini BTT...

O Monte Castrove acollerá este domingo a sétima Edición da Mini BTT Concello de Poio

- Anuncio -spot_img

• A proba, organizada polo Poio Bike Club coa colaboración do Concello, comezará ás 10.00 horas e contará con 400 nenos e nenas de diferentes idades

• A competición servirá para render unha homenaxe póstuma a Magín Froiz

A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), o presidente do Poio Bike Club, Francisco Albar, e o máximo responsable da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, deron a coñecer este xoves os detalles da VII Mini BTT Concello de Poio, organizada polo club local, en colaboración coa propia Administración municipal. Como xa é tradición, a proba desenvolverase no Monte Castrove e agárdase a participación duns 400 nenos e nenas de diferentes idades, que competirán en distintas categorías. Será esta unha edición moi especial, xa que, ademais de retomar a presenza de público (o ano pasado, por mor da pandemia, desenvolveuse sen permitir a asistencia de espectadores e espectadoras), nesta ocasión a proba tamén se traducirá nun recordo en memoria de Magín Froiz, o histórico empresario afincado en Poio finado este ano. Tal e como lembran os responsables do evento e a propia Marga Caldas, Froiz foi “un auténtico apaixonado do deporte en xeral e do ciclismo en particular e que sempre estivo disposto á hora de colaborar en todo o que resultase necesario para organizar competicións deste tipo”.

A Mini BTT dará comezo a partires das 10.00 horas. A edil de Deportes explicou que se competirá en diferentes tramos horarios “para acadar un maior aproveitamento dos espazos”. Neste sentido, a concelleira do Goberno municipal adiantou tamén que, ademais do deseño do propio circuíto, tamén se acondicionaron aparcadoiros tanto para os e as participantes como para o público en xeral. A iniciativa conta coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio, así como da Comunidade de Montes de San Xoán.

Tanto Marga Caldas como Francisco Albar expresaron, asemade, o seu agradecemento á implicación da Federación Galega de Ciclismo, ao tampo que se amosaron moi satisfeitos pola importancia que vén acadando esta cita ao longo dos últimos anos, sendo xa “unha cita plenamente consolidada dentro do deporte de base e na que toman parte integrantes de clubs de toda Galicia”. Ademais, “tamén supón unha ledicia para nós o feito de que o público poida volver ao Monte Castrove a animar ás crianzas, o que xera un ambiente moito máis festivo e motivador para os nenos e as nenas que participan nas probas”, engade Caldas Moreira. Outra cuestión que se salientou durante a presentación é o crecemento que está a experimentar a modalidade de BTT entre os cativos e cativas de Poio, tal e como demostra o incremento de participantes nas Escolas Deportivas. Esta é unha tendencia que a concelleira de Deportes confía en que consolide, máxime despois do convenio asinado coa Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro, que permitirá ao Concello habilitar un circuíto específico para esta modalidade nunha parcela anexa á canceira municipal.

Publicacións Relacionadas