• O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeGPSOE), deu parte aos colectivos que integran a Comisión de Seguimento dos avances realizados en cuestións como a solicitude de definición de ENIL ou o Plan de Usos, coordinado polo arquitecto Sergio Portela
• Preto de 100 alumnos e alumnas de 3º de ESO visitan estes días a illa, a través de saídas organizadas pola Concellería de Mocidade, dirixida pola tamén socialista Rosa Fernández, e en colaboración con Promoción Económica
O Concello de Poio continúa dando pasos firmes para consolidar a apertura definitiva á cidadanía da Illa de Tambo. O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, presidiu este pasado mércores unha nova convocatoria da Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, na que se deu conta ás persoas representantes dos colectivos locais que forman parte deste órgano de todos os avances e tramitacións que se están levando a cabo ao longo dos últimos meses, logo de que a Administración local acadase a concesión demanial deste enclave. Agís sinala que “seguimos na liña correcta para conseguir que este mesmo verán a illa poida acoller visitas guiadas de xeito regular, o que sen dúbida servirá para engadir un novo reclamo turístico de categoría para o noso municipio en plena tempada estival”.
Nesta sesión de traballo estivo presente o arquitecto César Portela, encargado de coordinar o Plan de Usos de Tambo. Cómpre lembrar que Portela tamén é o impulsor do proxecto ‘Tambo, a illa soñada, a illa posible’, unha exposición presentada no Mosteiro o ano pasado e que se centra nas peculiaridades, características, retos e actuacións a desenvolver na illa situada no corazón da ría de Pontevedra. Ademais, tal e como apunta Gregorio Agís, a convocatoria tamén se realizou co obxectivo de informar sobre os pasos que se están a dar desde o departamento de Promoción Económica e Urbanismo para dar solicitar a definición de Tambo como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha figura que “entendemos que será a máis efectiva para garantir a preservación deste enclave, ao mesmo tempo que potenciamos a súa recuperación e posta en valor”. A maiores, na reunión abordáronse asuntos como o aforo das visitas e outros detalles.
Por outra banda, o responsable de Promoción Económica e Urbanismo tamén mantivo esta mesma semana un encontro con responsables da Escola Naval Militar de Marín no que foi a celebración da primeira Comisión Mixta de Tambo desde a firma da concesión demanial. Gregorio Agís recorda que no pliego de condicións establécese a convocatoria deste órgano cada seis meses, para analizar os avances que se vaian acadando na consolidación da apertura de Tambo. A concesión demanial contempla unha duración inicial de 25 anos, prorrogable, que equivale a “tempo máis ca suficiente para acadar a titularidade municipal da Illa e que nos permite ir dando pasos para facer deste lugar un punto de referencia a nivel patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico”, apunta Agís Gómez.
Excursión con posta en valor para o alumnado do IES
O edil do PSdeG-PSOE participou este xoves nunha das excursións organizadas pola Concellería de Mocidade, en colaboración coa área de Promoción Económica, na que toman parte preto de 100 estudantes do IES de Poio (concretamente, de 3º de ESO).
Ademais do propio Agís, participou nesta saída a titular de Mocidade, a tamén socialista Rosa Fernández. Estas excursións divídense en dous grupos para poder facelas viables e contan coa supervisión de monitorado da empresa medioambiental Teixugo.
Tal e como sinalan Rosa Fernández e Gregorio Agís, con esta actividade o que se busca
é dar a coñecer as peculiaridades e atractivos de Tambo ás novas xeracións, ao mesmo tempo que tamén se pon en valor a importancia do coidado do medio ambiente nesta paraxe. De feito, a excursión incluíu unha recollida de restos na praia principal da illa. A rapazada tamén tivo ocasión de coñecer algúns dos seus puntos máis emblemáticos, como as ruínas da capela de San Miguel, do lazareto, o faro ou o polvorín.