HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO Concello de Cerdedo-Cotobade e a DXT poñen en marcha unhas xornadas...

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a DXT poñen en marcha unhas xornadas de educación viaria en Carballedo, Cerdedo e Tenorio

- Anuncio -spot_img

• O alcalde Jorge Cubela salientou a necesidade de incrementar a concienciación veciñal sobre a importancia de coñecer e manter medidas de seguridade vial nos desprazamentos a pé por estrada

O Concello de Cerdedo-Cotobade, en colaboración coa Xefatura Provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), levará a cabo unhas xornadas sobre educación viaria especialmente dirixidas a persoas maiores, con contidos especificamente deseñados e dirixidos a este colectivo, que se desenvolverán en Carballedo o 10 de xuño, en Cerdedo o 17 deste mesmo mes e en Tenorio o 1 de xullo.

Estas xornadas estarán impartidas por persoal da área de Educación Viaria da Xefatura Provincial de Pontevedra, en colaboración con axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, facendo unha especial incidencia sobre condutas seguras de peóns tales como o xeito en que se deben cruzar as vías, por zonas accesibles, sen desniveis, en lugares con boa visibilidade e, de existir, en espazos especificamente habilitados para iso.

Outro dos elementos que serán abordados polo persoal da DXT estará adicado ao trasporte infantil para o cal centrarán as súas explicacións na seguridade no interior do vehículo, no uso axeitado do cinto de seguridade e/ou sistemas de retención infantil. Tamén se analizarán as medidas de seguridade e precaucación que debemos adoptar nos desprazamentos a pé e o acompañamento seguro aos menores. Ademais, falarán da influencia dos medicamentos nos desprazamentos.

Outro dos aspectos que serán obxecto destas charlas serán as viaxes seguras en transporte público, sobre todo o relativo á importancia do uso do cinto de seguridade no autobús.

REPARTIRANSE CHALECOS REFLECTORES AOS ASISTENTES
Finalmente, os especialistas en educación viaria da Xefatura Provincial da DXT aproveitarán estas xornadas para informar sobre a importancia do uso axeitado dos chalecos reflectores para os peóns nos seus desprazamentos a pé.

Así, farán fincapé dun xeito moi especial na importancia e a incidencia no uso de chalecos reflectores nos desprazamentos a pé sobre todo en vías interurbanas ou secundarias onde é habitual que os veciños e veciñas vaian camiñando por elas e deben ir convenientemente visibilizados para evitar atropelos ou accidentes na coincidencia na mesma vía do paso de todo tipo de automóbiles.

Así mesmo, distribuiranse entre os asistentes chalecos reflecrores así como diversos folletos relacionados cos citados contidos, editados pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e que servirán de material de apoio para lembrar todos e cada un dos aspectos abordados ao longo destas xornadas.

Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente a colaboración coa DXT e animou á veciñanza a asistir a estas xornadas polo valor na prevención de accidentes que este tipo de iniciativas teñen para os peóns e salientou a necesidade de incrementar a concienciación veciñal sobre a importancia de coñecer e manter as medidas de seguridade vial dentro das condutas habituais nos desprazamentos.

Publicacións Relacionadas