A última xornada de recollida de residuos deste ano desenvolveuse este domingo en colaboración co Concello de Nigrán coincidindo coa celebración do Día dos Océanos
Voluntarios de todas as idades participaron este domingo en Praia América na segunda xornada de recollida de residuos de VIVE SOSTIBLE, organizada en colaboración co Concello de Nigrán e ‘A cara invisible do planeta’, coincidindo coa celebración do Día dos Océanos. Tras máis de dúas horas de traballo, uns 35 voluntarios retiraron este domingo da praia máis de 100 quilos de lixo e residuos, entre os que destaca a presenza de numerosos microplásticos ademais de envases. Nesta limpeza tamén participaron dúas bloggers de ‘Que Mundos TV’, que se dedican a divulgar na súa canle de Youtube e web as viaxes sostibles e con conciencia.
Con esta segunda xornada terminan as recollidas de residuos programadas para este ano de VIVE NIGRÁN dentro da iniciativa VIVE SOSTIBLE. En total, nas dúas xornadas celebradas retiráronse preto de 300 quilos de lixo das praias de Nigrán.
Seguindo os obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, o Concello de Nigrán e a organización do festival quixeron incrementar o seu compromiso programando actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos. Medidas como as xornadas de limpeza de praias, o uso de vasos biodegradables, a instalación dun xerador fotovoltaico, garantir a seguridade na zona dunar e actividades para os máis pequenos con talleres de reciclaxe así o testemuñan en edicións anteriores. O festival mantén a súa aposta polo respecto da riqueza ambiental da contorna no que se desenvolve.
Vive Nigrán celebrará a sexta edición o 15 e 16 de xullo, con Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro, A Ben Querida, Nena Polaca, Cariño, Grande Amore, Colectivo Dá Silva, Karavana, Eme DJ, e Cool Meniñas no cartel. Á programación desta edición súmase unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de MIGUEL RÍOS & THE BLACK BETTY TRIO o domingo 17 de xullo. Un festival con programación para todas as idades, que volve a Monte Lourido, nesta edición co público de pé, e nunha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán.
O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca ‘Rías Baixas Fest’ e da Xunta de Galicia, a través de ‘ FEST Galicia’, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco @Estrella que xera encontros ao redor da música en directo.