o O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, sinala que esta iniciativa permitirá “poñer en valor” a obra dos creadores locais, facéndoa visible “dende calquera lugar” do planeta
o A galería conta coa obra do pintor Manuel Fragoso e, nos vindeiros días, sumaranse as fotografías da artista Marga Fraga
O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou esta mañá no Concello a iniciativa “DixitArte”, unha galería virtual creada en colaboración coa Fundación Cultural da Estrada na que se difundirán os traballos de artistas gráficos estradenses co obxectivo de promover a cultura local.
Na súa intervención, Juan Constenla destacou que “grazas aos recursos da Estrada Dixital” foi posible materializar este proxecto, que permitirá “ofrecerlle aos creadores estradenses unha canle de difusión para poñer en valor a súa obra” facilitando o acceso aos seus traballos “dende calquera lugar” e “durante todos os días do ano”.
Xunto co edil de Cultura, na presentación do proxecto participaron o responsable técnico da páxina web, Javier Ramos; e o pintor estradense Manuel Fragoso. Ramos explicou que a páxina web, que xa está operativa baixo o dominio de www.dixitarte.aestrada.gal, “está creada dunha maneira moi sinxela e visual” para facilitar o seu manexo por parte dos usuarios “en calquera tipo de dispositivo”.
O autor elixido para inaugurar a galería virtual foi o pintor estradense Manuel Fragoso, aproveitando a súa recente exposición “Soños Rotos” na Sala Abanca da Estrada.
Aqueles/as que entren na páxina web poderán atopar información biográfica sobre o artista, unha selección da súa obra coas características técnicas de cada composición e mais o seu enderezo electrónico para facilitar que os/as visitantes que desexen mercar algún dos seus traballos contacten con él.
Todos/as os/as artistas estradenses que o desexen poderán formar parte deste escaparate dixital. Para iso, deberán poñerse en contacto coa Fundación Cultural da Estrada ou co Departamento de Cultura do Concello. Constenla sinalou que a idea é “que ao longo do ano se poidan ir sumando máis artistas a esta iniciativa”. Nesta liña, na presentación anunciaron que durante os vindeiros días incorporarase á galería virtual unha selección de fotografías da artista estradense Marga Fraga.