- O proxecto supuxo un investimento de 200.000 euros, “completando así a reforma integral de todo o complexo deportivo que iniciamos xa no anterior mandato, co anexo e o campo de fútbol, e coa remodelación do Pavillón coa axuda da Xunta de Galicia. Continuaremos traballando por ofrecer as mellores instalacións deportivas aos cidadáns de Ourense”, sinala o concelleiro de Deportes e presidente do CMD, Mario Guede
O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense inaugurou esta mañá as obras recollidas no proxecto de reordenación do acceso e das pistas deportivas exteriores do Pavillón Municipal dos Remedios. As obras teñen como finalidade humanizar a contorna e mellorar a integración do espazo deportivo coa rúa Pardo de Cela e coa capela dos Remedios, e tiveron un orzamento de 200.000 euros. “Completamos así a reforma integral de todo o complexo deportivo que iniciamos xa no anterior mandato, co anexo e o campo de fútbol, e coa remodelación do Pavillón coa axuda da Xunta de Galicia. Continuaremos traballando por ofrecer as mellores instalacións deportivas aos cidadáns de Ourense”, sinala o concelleiro de Deportes e presidente do CMD, Mario Guede.
Así, elimináronse os valados perimetrais que rodeaban esta área deportiva, para conectala directamente coa rúa de Pardo de Cela, xerando unha praza con arborado e mobiliario urbano, que dota agora de máis permeabilidade á zona e unha maior visibilidade ao edificio principal e á capela.
As canchas deportivas de fútbol sala, baloncesto e voleibol desprazáronse lixeiramente, afastándose un pouco máis do edificio principal, e incorporan novo pavimento elástico. Tamén se acondicionou unha área de calistenia e se renovou a iluminación para acadar unha maior eficiencia enerxética.
As obras contribúen á integración na contorna, unha vez rematadas as obras de reforma do pavillón executadas pola Xunta de Galicia, que a maiores dos espazos inferiores incluíu as fachadas do inmoble. Tamén perseguen eliminar a sensación de peche que se produce pola presenza do valado a uns catro metros da entrada principal e evitar aglomeracións na zona de acceso ao polideportivo e no tránsito de viandantes, corredores e ciclistas cara ao paseo fluvial do Miño.