• O alcalde Jorge Cubela salientou o esforzo dos organizadores por manter vivas as tradicións e pola aposta constante que fan pola dinamización da parroquia e a chamada Galicia rural
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e membros da comisión organizadora, que preside Moisés Fraguas, presentaron a 43ª edición da Festa do Requeixo da Corredoira que se celebrará os días 17 e 18 de xuño.
Esta festa gastronómica é unha das citas culinarias máis antigas do concello, xunto a da Filloa de Valongo, e concita a presenza de moito público que acude a esta celebración co fin de degustar un dos contados queixos frescos que se preparan para a ocasión utilizando leite de vaca da propia parroquia.
A festa iniciarase o venres 17 de xuño á noitiña coa venda de churrasco, polbo á feira e o popular requeixo animado pola charanga “Charandonga”.
A partir das 23:30 horas terá lugar a tradicional verbena a cargo das orquestras New York e Los Coleguitas.
O día seguinte, o sábado 18 de xuño, pola mañá celebrarase un pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e ás 13 horas terán lugar os actos relixiosos seguidos dun concerto da Banda de Música de Cerdedo. A partir das 20:30 horas terá lugar o I Serán da Corredoira onde particparán grupos folcloricos e pandereteiras de toda a contorna que animarán ata a noite a xornada. O recinto estará cuberto por unha gran carpa sobre terreo asfaltado para maior comodidade dos asistentes.
UNHAS 250 PEZAS DESDE 12 EUROS A UNIDADE E A 4 EUROS A RACIÓN
A comisión organizadora prevé que nesta edición se poñerán á venda unhas 250 pezas de requeixón que sairán a un prezo de 12 ou 15 euros, aproximadamente, en función do seu peso e tamaño. A ración este ano terá un prezo de 4 euros.
A organización aconsella acudir á festa ben cedo porque as pezas, moi cobizadas ao tratarse de requeixos tradicionais de elaboración propia, soen rematarse en moi pouco tempo. Segundo Moisés Fraguas, “son pezas únicas, moi frescas e saborosas ao facerse con moita leite, entre 7 e 8 litros por requeixo, e por iso teñen tanta sona. Para facer un requeixo dun quilo bótaselle o callo e logo de estar 24 e 36 horas a callar ponse nun recipiente (un cilindro de 12 cm. de diámetro e 35 cm. de altura e con buracos) por onde vai soltando o soro. Tense así durante dous días e cando está o suficientemente sólido sácase para comelo fresco con azucre ou mel, aínda que hai quen lle bota viño ou coñac”.
As orixes desta cita gastronómica dátanse no ano 1980 e, segundo recorda Moisés Fraguas, “porque había moito costume en facer requeixos e pensouse que a creación dunha festa específica serviría para potenciar e difundir este produto ao tempo que se recadaban fondos para as festas de San Antón e Santa Bárbara”.
Jorge Cubela aproveitou a presentación para agradecer o esforzo da comisión organizadora en manter viva esta tradición e sobre todo en manter o segredo activo da preparación deste requeixo tan saboroso que dá xeito e fama a Corredoira en toda a provincia e tamén máis alá. “Teño que felicitarvos polo traballo feito, por dinamizar a parroquia, por apostar polo rural e por poñer en valor as nosas tradicións para que non se esquezan e non se perdan. O venres estaremos aí degustando o requeixo da Corredoira”, indicou o alcalde.