HomePontevedraA Xunta garante o seu compromiso co Instituto de Soutomaior e pide...

A Xunta garante o seu compromiso co Instituto de Soutomaior e pide guiar as decisións educativas por criterios técnicos

- Anuncio -spot_img

— Segundo as conclusións técnicas, os espazos do instituto son suficientes para acoller o alumnado do concello así como de Pontevedra e Vilaboa


— A Xunta investiu máis de 5,3M€ na construción desta infraestrutura, que abriu as súas portas no curso 2018/19


— A maiores dos obrigatorios pola normativa, o centro ten 220 m² en espazos adicionais que permiten flexibilidade de adaptación e crecemento para usos educativos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, garantiu hoxe o compromiso da Xunta de Galicia co instituto IES de Soutomaior e pide guiar as decisións educativas por criterios técnicos, como fai o Goberno galego, e non por cuestións políticas. En resposta a unha pregunta parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor a oferta educativa deste centro.

Non en balde, segundo as conclusións dos técnicos, o instituto ten capacidade para acoller tanto alumnado do propio concello como dos limítrofes. De feito, o centro conta con 12 unidades de ESO e catro unidades de Bacharelato que neste curso atenden a alumando procedente de Soutomaior, Pontevedra e, provisionalmente, tamén de Vilaboa.

Román Rodríguez lembrou que foi a Xunta de Galicia a que deu resposta ás necesidades educativas deste concello pontevedrés coa construción do IES de Soutomaior, que abriu as súas portas no curso 2018/19 e contou cun investimento de máis de 5,3M€ por parte do Goberno galego. “Anteriormente este concello non contaba cun centro que impartise ESO e Bacharelato –sinalou o conselleiro–, polo que as súas 480 prazas contribuíron a desconxestionar o CPI Manuel Padín Truiteiro, xa que este centro deixou de impartir ESO e quedou como CEIP”.

“O IES foi construído baixo criterios técnicos e non políticos, cun programa de necesidades que tivo en conta os espazos e as necesidades por matrícula”, destacou o conselleiro. Neste sentido aclarou que, ademais dos espazos establecidos na normativa vixente no momento da redacción do proxecto, o instituto conta con 220 m² en espazos adicionais. “Precisamente estas zonas do edificio son as que permiten flexibilidade de adaptación e crecemento dos espazos educativos do centro, sen necesidade de novas construcións”, indicou.

O representante da Xunta de Galicia asegurou que se está a realizar un seguimento da evolución demográfica e das matrículas, tendo en conta que os rapaces e rapazas do concello poden escoller, en función da oferta educativa dispoñible en Galicia, realizar estudos diferentes ao Bacharelato (FP, Ensinanzas de Réxime Especial, etc.). “Incluso se hai que atender algún pico puntual de matricula , o centro conta con espazos suficientes para ofrecer un ensino de calidade”, afirmou.

Publicacións Relacionadas