• A actividade, consistente na realización de técnicas de deseño e elaboración creativa de álbums de fotografías, levouse a cabo na Finca de Besada
• A concelleira responsable da área, Rosa Fernández, anuncia un cambio de datas no curso formativo de produtos fitosanitarios, previsto inicialmente para xuño e que finalmente terá lugar en agosto
A Concellería de Benestar Social e Mocidade vén de finalizar esta semana un obradoiro de ‘scrapbooking’, que se desenvolveu na Finca de Besada, na parroquia de San Salvador, cunha duración total de nove horas. A concelleira responsable da área, a socialista Rosa Fernández, explicou que esta foi a segunda edición levada a cabo desta técnica, consistente no deseño e elaboración de álbums de fotos, de xeito que consigan un aspecto do máis creativo. Esta nova convocatoria levouse a cabo logo da boa resposta e da alta demanda que tivo a súa estrea. “Non descartamos volver a organizalo proximamente, en caso de que continúe existindo ese elevado interese”, sinalou Fernández González.
Ademais, desde o departamento de Mocidade tamén se informa do cambio de datas para a realización do curso de formación sobre manipulación de produtos fitosanitarios, que finalmente se desenvolverá entre o 23 e o 30 de agosto. Trátase dun ciclo de 25 horas de duración, con prazas limitadas, e cun prezo de inscrición de 50 euros, que está parcialmente financiado pola Concellería. As sesións, impartidas por profesionais da área, serán de 17.00 a 21.00 horas. A concelleira Rosa Fernández lembra que este curso resulta obrigatorio para poder utilizar químicos destinados ao coidado de árbores, plantas, terreos e xardíns. As persoas interesadas poden obter máis información chamando ao 986872401.