HomePontevedraPoioO concello de Poio activa o novo Plan de Dinamización da Casa...

O concello de Poio activa o novo Plan de Dinamización da Casa Museo de Colón

- Anuncio -spot_img

• A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), sinala que esta actuación supón “un punto de inflexión” para as dependencias de Portosanto

• A firma Tempos Arqueólogos será a encargada de organizar nos vindeiros meses todo tipo de iniciativas, pensadas para todos os públicos, entre as que se incluirán obradoiros de cerámica, musicais ou de arqueoloxía, ademais de promover charlas, exposicións e seguir fomentando as visitas por grupos, en colaboración coa Asociación Galicia Milenio

• Ao longo do verán tamén se desenvolverán visitas teatralizadas tanto no propio museo como no Bosque de Secuoias, a cargo de Leucoíña Pasea

A Casa Museo de Colón comeza “unha nova etapa”. Así o considera a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), logo de que o Concello activase o Plan de Dinamización que servirá para dar un novo pulo ás emblemáticas instalacións situadas no lugar de Portosanto. A edil do Goberno local mantivo hai uns días unha reunión de traballo con responsables da firma Tempos Arqueólogos, que será a encargada de desenvolver as iniciativas que se inclúen no devandito plan, e con Pedro Martín, presidenta da Asociación Galicia Histórica, un colectivo “plenamente implicado na difusión e promoción do museo e da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón”, apunta Díaz. No encontro tamén tomou parte o responsable de Pesca e Marisqueo, o socialista Julio Casás.

Tal e como explica a responsable de Turismo, ao longo dos vindeiros meses estas dependencias acollerán actividades pensadas para diferentes públicos, ao tempo que se segue a traballar na posta en valor da cultura mariñeira e marítimo pesqueira do territorio.
“Aspiramos a que este centro se consolide como un referente na interpretación e xestión do patrimonio galego”, recalca Silvia Díaz. Este plan de dinamización finánciase a través dunha achega que o Concello de Poio obtivo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, grazas á adhesión da Casa Museo á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA). Esta folla de ruta inclúe unha serie de actuacións e premisas que se aplicarán para aumentar o número de visitas e de actividades a desenvolver na Casa Museo.

Tal e como recorda a tenente de alcalde, as instalacións, inauguradas no ano 2010, reciben de xeito periódico a grupos de excursionistas, que, coa inestimable colaboración da Asociación Galicia Histórica, achéganse ata Portosanto para coñecer a documentación e o material que se exhibe no inmoble e que defende a teoría do Colón Galego. “Agora, queremos dar un paso máis e chegar a un público moito máis heteroxéneo”, indica a concelleira de Turismo. Para iso, Tempos Arqueólogos aplicará unha serie de medidas encamiñadas a reforzar as visitas de colectivos escolares, turistas, persoas da terceira idade ou afeccionados e especialistas interesados na figura de Cristóbal Colón. Crearanse bases de datos de centros educativos infantís, universidades, oficinas de turismo da bisbarra ou de aloxamentos turísticos, entre outros, para o reparto de folletos e o envío de información sobre a Casa Museo e os seus horarios, para fomentar a organización destas excursións.

Con respecto ás actividades a desenvolver, o Plan de Dinamización inclúe unha relación de obradoiros para grupos de entre 5 e 30 persoas e que varían na súa temática e duración en función da idade dos e das participantes. Así, para o alumnado de Educación Infantil e Primaria se propoñen talleres de fomento da creatividade, a través dos cales poderán coñecer a grandes artistas da Idade Media. Tamén se incluirán ciclos sobre arqueoloxía, obradoiros musicais e de cerámica, moitos dos cales se ofrecerán tanto a un público infantil como adulto. “Ademais, apostamos por fomentar outro tipo de citas, como as presentacións de libros, a realización de cursos vencellados ao patrimonio ou a organización de charlas e xornadas divulgativas”, apunta Silvia Díaz. Visitas teatralizadas Por outra banda, a tenente de alcalde tamén confirmou ao longo do verán se desenvolverán visitas teatralizadas tanto na Casa Museo de Colón como no Bosque de Secuoias, a cargo de Leucoíña Pasea. Trátase dunha iniciativa pensada para persoas maiores de 6 anos e que contarán con 15 prazas por sesión. As inscricións poderán facerse enviando un correo electrónico a turismo@concellopoio.org. As dúas primeiras citas serán o 20 e 21 de xullo, ás 21.30 horas, no Bosque de Secuoias, que tamén acollerán unha nova sesión o 1 de setembro, ás 19.00 horas. Previamente, do 18 ao 20 de agosto esta actividade terá lugar nas dependencias do museo (11.30 horas). Este calendario poderá verse modificación en función das inclemencias meteorolóxicas. A tenente de alcalde expresa o seu agradecemento á Comunidade de Montes de San Xoán, titular dos terreos nos que se empraza a plantación de secuoias, pola súa colaboración, “que resulta imprescindible para poder desenvolver unha actividade coma esta”.

Publicacións Relacionadas