HomeTabeirósA EstradaAs festas do San Paio subirán ao escenario a preto de 200...

As festas do San Paio subirán ao escenario a preto de 200 artistas estradenses o sábado 25 de xuño

- Anuncio -spot_img

o Durante a xornada terán lugar o Festival de Música Tradicional, a gala Tequexetéldere 30 Aniversario e o Start of Summer Festival

o O edil de Eventos, Gonzalo Louzao, destaca a “aposta pola cultura local” do Concello da Estrada coas “agupacións máis senlleiras” do municipio ocupando o espazo central da programación

O concelleiro de Eventos, Gonzalo Louzao, presentou esta mañá no Concello os tres grandes espectáculos que reunirán sobre o escenario a 186 artistas estradenses durante a xornada do sábado 25 de xuño, dentro da programación das festas patronais do San Paio: o Festival de Música Tradicional, a gala Tequexetéldere 30 Aniversario e o Start of Summer Festival.

Na súa intervención, o edil de Eventos destacou a “aposta pola cultura local” do Concello da Estrada, ofrecendo durante a celebración das festas patronais do San Paio grandes formatos para todos os públicos compostos por “ADN local”, cunha programación que “reserva o espazo central para as agrupacións máissenlleiras da Estrada”. Louzao engadiu que, ante a probabilidade de chuvia, os dous escenarios nos que se desenvolverán estos eventos estarán cubertos.

En primeiro lugar celebrarase o Festival de Música Tradicional, ás 19.30 horas na Alameda Municipal, que se retoma despois de dous anos de parón pola pandemia. Contará coa participación de máis de 90 compoñentes da escola e da Banda de Gaitas de Barbude, que estará acompañada da Asociación Cultural Malante de Malpica e da Orquestra de Foles de Portugal. O presidente da Asociación Cultural Escola de Música Tradicional de Barbude, José Ramón Brea, asegurou que “haberá sorpresas durante a actuación” e engadiu que o obxectivo é darlle continuidade a este espectáculo durante os vindeiros anos para “manter viva a música tradicional na Estrada”.

Ás 22.30 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto especial polo 30 aniversario da Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere, que tivo que ser cancelado no 2020 por mor da pandemia. A intención da agrupación é repetir o formato empregado para celebrar o seu 25 aniversario, hai sete anos no Teatro Principal, que contou cunha gran acollida entre o público. Entre músicos e bailadores xuntaranse 85 persoas sobre o escenario e os/as integrantes de Tequexetéldere contarán co acompañamento da Banda de Música Municipal da Estrada, que interpretará nove pezas da agrupación de baile tradicional adaptadas polo compositor estradense Simón Couceiro.

Ás 00.00 horas pechará a programación do sábado a terceira edición do Start of Summer Festival na Alameda Municipal, no que acompañarán a Henry Méndez e a Groove Amigos os DJ estradenses de todos os locais de ocio nocturno do municipio. Actuarán Carlos López, Zana, Pedro Rivis, Álex Brea, Xabi Villar e Iván Campos ata o remate do festival, arredor das 4.00 horas da madrugada.

O edil de Eventos tamén adiantou os avances na preparación dos festexos, que comezarán coa sardiñada de San Xoán a noite do 23 de xuño. “As últimas atraccións de feira chegarán ao longo do día”, asegurou o edil, e engadiu que se está a “ultimar a instalación do alumeado” á espera de colocar os postos de rúa nos vindeiros días, que estarán situados na rúa Iryda, na Praza do Concello e na rúa Calvo Sotelo.

Durante a presentación, o edil de Eventos estivo acompañado do presidente e a secretaria da Asociación Cultural Escola de Música Tradicional de Barbude, José Ramón Brea e Andrea Arias; do xerente da Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere, Kike Vázquez; do vicepresidente da Banda de Música Municipal da Estrada, Rubén Calviño; e do DJ estradense Carlos López.

Publicacións Relacionadas