Home A Coruña San Sadurniño despide temporada das escolas culturais cunha foliada na área recreativa...

San Sadurniño despide temporada das escolas culturais cunha foliada na área recreativa da piscina

- Anuncio -

O evento está programado para este sábado 25 a partir das 20:30h

Haberá liscos, sardiñas e cachelos a 10€ (reservas no 616 332 919)

O último sábado de xuño é tradicionalmente a data en que Cultura celebra a clausura das escolas musicais. Até agora foi sempre cunha sucesión de actuacións no escenario da Casa da Cultura á que asistían como público principalmente familiares e algunha amizade das e dos intérpretes. Porén, este ano quere dárselle ao peche un aire distinto e por iso a cita toma forma de pequena foliada ao aire libre na que actuarán os tres grupos das escolas -gaitas, pandeireta e cantos de taberna- acompañadas nesta ocasión de Agarimo de Catabois e do conxunto de cantos de taberna de Moeche. O evento terá lugar na área recreativa dos Currás -ao pé da piscina- a partir das 20:30h e quen queira poderá degustar sardiñas, liscos e cachelos ao prezo de 10€. Iso si, hai que anotarse antes chamando ao 616 332 919 ou mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

A Concellaría de Cultura ten definido o formato pero non a orde das actuacións, que serán de aproximadamente 10 minutos por cada grupo musical co obxectivo de que a velada sexa o máis dinámica e variada posible sen exceder a hora de duración… polo menos no que se refire ao que está programado: a actuación da EM de Pandeireta, a da EM de Gaita, a da EM de Cantos de Taberna e, como convidados, un dos cuartetos da banda Agarimo de Catabois e o grupo de Cantos de Taberna de Moeche.

E é que a filosofía desta foliada -coma a de todas as que hai na volta- é que os grupos participantes teñan unha parte propia para luciren o seu repertorio, pero que despois a troula continúe de maneira informal propoñendo e compartindo pezas que case sempre arrancan de maneira espontánea co riscado dunha pandeireta, cunha introdución á gaita ou co retrouso a viva voz de calquera peza coñecida polo resto.

A responsable de Cultura, Amparo Calvo, explica que a clausura das escolas “bótase fóra da Casa da Cultura” coa finalidade de quitarlle o rigor que imprime o espazo. “Actuar en escenario perante un público sentado está moi ben, pero é un tanto serio. Fixemos as clausuras así durante anos sen caer na conta de que o repertorio das nosas escolas levaba tempo pedindo algo máis informal, máis festeiro e máis parecido aos espazos en que tradicionalmente se interpretaba a nosa música”, comenta Calvo.

Ademais de levar a clausura das escolas ao exterior -se desen auga para o 25 buscaríase emprazamento alternativo ou podería adiarse-, Cultura tamén quere que as escolas “interactúen de maneira natural, que se habitúen a xuntarse gaitas, pandeiretas e voces á marxe dos días de ensaio ou das actuacións programadas”. Neste sentido, segundo Amparo Calvo, co convite á clausura de Agarimo de Catabois e do grupo de Cantos de Taberna de Moeche “tamén queremos que as nosas escolas vaian entrando no circuíto de foliadas e repichocas que se están volvendo organizar na comarca, que son o mellor sitio para aprender e para conservar este patrimonio inmaterial”.

O evento comezará ás 20:30h na área recreativa dos Currás (na piscina municipal) e para que sexa completo tamén haberá sardiñas, liscos e cachelos. Quen queira degustalos deberá comunicarllo ao técnico de Cultura -616 332 919 ou agustin.perez@sansadurnino.gal-, máis que nada para saber canto “material” fará falla para a tarde-noite deste sábado 25 de xuño.

Ruta ciclista
Cómpre recordar que ese día tamén teremos a oportunidade de percorrer en bicicleta o centro de San Sadurniño e os seus arredores nunha nova edición da Ruta cicloturista en familia que, como indica o propio nome, vén sendo un pequeno paseo pola zona apto practicamente para calquera idade.

Sairase ás 19:00h de diante do CPI e o itinerario discorrerá maiormente por pistas secundarias ata chegar a Pedroso, para logo volver ao punto de partida. As inscricións, a partir dos 6 anos de idade, poden facerse na Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal entregando cuberta a correspondente folla. A ruta é gratuíta e o último día para anotarse é este xoves 23 de xuño.

Relacionadas

Último aviso para apuntarse no xantar da comisión de festas de Santa Isabel

0
A comida a prol dos festexos terá lugar o sábado no patio cuberto do CPI de San Sadurniño A comisión de festas de Santa Isabel...

VIII Xornadas Saludables no Concello de Ribeira

0
O tenente de alcalde Vicente Mariño presentou hoxe as VIII Xornadas Saludables organizadas pola concellería de Servizos Sociais que se desenvolverán no Centro Cultural...

Aprobadas polo pleno as modificacións das ordenanzas reguladdoras do Programa de Conciliación Harmoniza

0
Mantéñense as bonificacións de ata o 50 % nas tarifas xerais de acordo a circunstancias socio-familiares e económicas. Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada hoxe...

Máis de cenlaracheses participaron na excursión ao Barco de Valdeorras que organizou o concello

0
Visitaron durante a xornada de onte os xardíns de Viloira, o malecón do río Sil, o Santuario das Ermidas e unha bodega de elaboración...

Feiraco celebra o Día das Letras Galegas cunha nova edición do Certame de Microrrelatos

0
O director xeral de CLUN e o secretario xeral da Lingua da Xunta presentaron esta edición na librería compostelá Follas Novas A presentación correu a...

Volven as Festas da Ascensión do 8 ao 12 de maio cun completo programa...

0
As festas de toda a veciñanza de Compostela arrancarán o vindeiro mércores 8 de maio e estenderase ata o domingo 12, cun programa repleto...

Publicacións Relacionadas