HomeOurenseOurenseOurense Termal inicia o período de adhesións ao Sistema Integral de Calidade...

Ourense Termal inicia o período de adhesións ao Sistema Integral de Calidade Turística

- Anuncio -spot_img

A Deputación organizou esta mañá no Museo do Viño de Galicia a primeira xornada informativa sobre a implantación do sistema neste destino, conformado polos 15 concellos termais rurais da provincia

Estas sesións informativas buscan captar empresas e servizos turísticos que se adhiran ao sistema, nun proceso gratuíto que desemboca na obtención do distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”

As seguintes xornadas desenvolveranse na Baixa Limia e Verín-Monterrei

“Este é o primeiro paso para consolidar o Sistema de Calidade Turística en Destino da provincia”, explica a xerente do INORDE, Emma González

O obxectivo principal da actuación é promover unha estrutura de xestión permanente, que vele polo incremento da competitividade das empresas turísticas, así como incrementar a satisfacción dos turistas e fomentar a fidelización dos mesmos

A Deputación organizou esta mañá en Ribadavia a primeira xornada informativa sobre a implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) de Ourense Termal, conformado polos 15 municipios termais rurais da provincia. A sesión, na que participou a xerente do INORDE, Emma González, celebrouse no Museo do Viño de Galicia, co obxectivo de adherir empresas e servizos turísticos da contorna da comarca do Ribeiro que formen parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal. Este execútase co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e o propio goberno provincial.

Esta actuación ten por obxecto implantar unha metodoloxía desenvolvida pola Secretaría de Estado de Turismo para os servizos turísticos públicos e privados, que contribúe a través de boas prácticas a mellorar a satisfacción do cliente en particular e o posicionamento do destino en xeral.

Esta primeira xornada, na que participaron unha quincena de servizos turísticos, continuará con outras dúas que se desenvolverán nas próximas semanas na Baixa Limia e Verín-Monterrei. As sesións informativas teñen o obxecto de captar empresas e servizos turísticos que se adhiran ao Sistema, e que pasan a ser beneficiarias dun proceso de formación, asesoría e avaliación para chegar á certificación e obtención do distintivo de “Compromiso de Calidade Turística”.

Todo o proceso farase con cargo ao PST en Ourense Termal e por tanto gratuíto para as empresas e outros servizos turísticos, sendo ata 36 tipos os que poden ser beneficiarios (aloxamentos, restauración, visitas guiadas, museos, oficinas de turismo ou transporte). As empresas interesadas dos municipios beneficiarios do plan (A Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín) poden solicitar máis información a través de inorde@inorde.com,

“Este é o primeiro paso para consolidar o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino da provincia” explicou Emma González, sobre unha das accións contempladas tamén na Estratexia de Turismo Provincial, presentada xunto coa Marca Turística o pasado ano polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e que se ampliará en próximas etapas a outros destinos ourensáns.

O obxectivo principal é promover unha estrutura de xestión permanente, que vele polo incremento da competitividade das empresas turísticas, así como incrementar a satisfacción dos turistas e fomentar a fidelización dos mesmos. Estas actuacións relacionadas coa gobernanza resultan esenciais na profesionalización do destino, nun momento crucial como é o que vive o territorio tras a chegada da Alta Velocidade Ferroviaria, sendo o Turismo uno dos sectores estratéxicos para afrontar o reto demográfico.

Publicacións Relacionadas