O turismo alemán supón o segundo mercado internacional na chegada de peregrinos a Galicia
A presentación en Frankfurt se sitúa no marco da rolda de actos para promocionar e dar a coñecer, tanto en España como no estranxeiro, o destino Galicia e o Camiño de Santiago
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde en Frankfurt no acto de promoción de Galicia e do Xacobeo, no que participaron medio cento de turoperadores turísticos alemáns e representantes do Cluster de Turismo de Galicia.
Na presentación do evento, Nava Castro salientou a importancia do turismo para Galicia, especialmente vencellado á celebración deste Ano Santo, e a oportunidade que este supón para dar a coñecer as bondades da Comunidade a través dun turismo sostible e sen masificacións algo que, destacou, é o que os turistas están a demandar. Neste senso, Castro destacou a importancia do turismo alemán, que supón o segundo mercado internacional na chegada de peregrinos.
“Tal e como mostran os últimos datos, Galicia é unha comunidade cun potencial turístico que, debido á súa diversidade de ofertas, non ten parangón. Porque o noso modelo, seguro e de calidade, é o que os visitantes están a demandar. Por iso podemos dicir que, este ano Xacobeo tan especial, conseguimos grazas ao traballo de todos, que Galicia esta de moda” indicou Nava Castro, quen finalizou o acto convidando a todos os presentes a camiñar cara a nosa comunidade.
A presentación do Xacobeo en Frankfurt sitúase dentro dunha rolda de actos organizados dende a Xunta de Galicia para promocionar e dar a coñecer, tanto en España como no estranxeiro, o destino Galicia e o Camiño de Santiago así como dar lugar a diversos encontros de traballo entre os diferentes sectores turísticos, tanto públicos como privados.