HomePontevedraO BNG de Vigo pide fiscalizar as contratas municipais polos continuos incumprimentos...

O BNG de Vigo pide fiscalizar as contratas municipais polos continuos incumprimentos dos pregos e dos dereitos laborais

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista propón constituír un Observatorio da Contratación para “meter en cintura” estas empresas que xestionan unha parte moi importante do orzamento municipal

Denuncia o “ronsel infinito” nos últimos meses con conflitos no Servizo de Axuda no Fogar, na limpeza de dependencias municipais e dos colexios públicos, no mantemento de zonas verdes, no bus urbano e na recollida do lixo

Xabier P. Igrexas: “O goberno de Caballero ten que deixar de ser aliado e cómplice das grandes concesionarias e defender a calidade dos servizos públicos e o interese xeral da cidade”

O Bloque Nacionalista Galego pide fiscalizar as contratas do Concello de Vigo ante os continuos incumprimentos dos contratos públicos e dos dereitos laborais en numerosos servizos de titularidade municipal. A fronte nacionalista vén de propoñer a constitución dun Observatorio da Contratación que permita “meter en cintura” a estas empresas privadas que xestionan unha parte moi importante do orzamento do Concello.

“Non podemos consentir que empresas que reciben cada ano moitos millóns de euros todas as viguesas e os vigueses incumpran cos contratos públicos, non se axusten aos pregos de adxudicación e intenten impoñer condicións cada vez máis precarias no seu persoal”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, que denunciou o “ronsel infinito” nos últimos meses con conflitos no Servizo de Axuda no Fogar, na limpeza de dependencias municipais e dos colexios públicos, no mantemento de zonas verdes, no bus urbano e o máis recente na recollida do lixo.

Igrexas esixiu neste sentido unha rectificación do Goberno municipal, a quen acusou de actuar como aliado das empresas privadas. “O goberno de Caballero ten que deixar de ser cómplice das grandes concesionarias e defender a calidade dos servizos públicos, o interese xeral da cidade e o respecto escrupuloso dos dereitos laborais”, reclamou o edil nacionalista.

O concelleiro do Bloque apuntou que o Observatorio da Contratación é un instrumento que xa existe noutros concellos e pode ser “unha ferramenta útil para acabar con esta barra libre das grandes contratas, que sacan un enorme lucro desta situación en prexuízo da cidade, do seu propio persoal e do Concello de Vigo”.

Este órgano tería por cometido inspeccionar e auditar de maneira continuada o funcionamento de todos os servizos municipais baixo xestión privada, velando polo estrito cumprimento dos pregos e contratos de adxudicación e o respecto aos dereitos laborais.

Ademais, Igrexas insistiu na necesidade de constituír de maneira inmediata a Comisión Informativa de Vixilancia da Contratación, obriga recollida no Regulamento Orgánico do Pleno que o Goberno local vén incumprindo de maneira reiterada.

Publicacións Relacionadas