o Nas vindeiras semanas, a Policía Local xestionará a retirada de preto de 40 vehículos identificados en estado de abandono no rural estradense
A Policía Local do Concello da Estrada está a traballar na retirada de máis de oito vehículos abandonados situados en varias rúas do casco urbano do municipio co obxectivo de mellorar a imaxe do pobo e eliminar estos elementos contaminantes que reducen as prazas de aparcadoiro dispoñibles.
A campaña foi iniciada coa retirada de dous vehículos da rúa Manuel de la Calle e da Avenida de Marín, e nos vindeiros días retiraranse outros seis vehículos abandonados estacionados nas seguintes vías: na N-640, á altura de Matalobos; na rúa 14; no Camiño Real; na 2ª Travesía do Matadoiro; no Camiño a Ouzande; no Camiño das Pozas e na Avenida de Pontevedra.
Durante as próximas semanas, a Policía Local porá o foco no rural, onde se identificaron case unha centena de vehículos sospeitosos de estar en situación e abandono tanto na vía pública como en terreos privados. Deste total, máis de 50 xa foron retirados polos seus propietarios unha vez recibida a notificación da Policía Local, e procederase á retirada forzosa de preto de 40 logo de non poder efectuar a comunicación aos seus propietarios ou de superar o prazo dun mes do que dispoñen para retirar o seu vehículo.
Grazas a un convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, a retirada do vehículo e mais o seu posterior desmontaxe e desinfección realizarao unha empresa contratada polo ente provincial.