O alcalde da Estrada, José López, fixo esta mañá un chamamento á veciñanza a “realizar un uso responsable da auga” despois de coñecer que a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Parada “leva bombeando auga ininterrumpidamente dende o pasado 7 de xullo”.
Concretamente, nas últimas 24 horas producíronse na ETAP 4.300 metros cúbicos e gastáronse 4.600, o que supón que se está a consumir máis auga da que se está a xerar.
Esta situación vese agravada pola ausencia de chuvia e a vaga de calor que afecta a Galicia durante as últimas xornadas, provocando que o caudal do río Umia, do que se abastece A Estrada, teña un nivel moi baixo que impide subministrar unha maior cantidade de auga, conlevando unha menor capacidade de abastecemento.
O rexedor local tamén instou á cidadanía a “evitar na medida do posible o uso dos recursos da traída para realizar os labores de regadío ou para encher piscinas particulares”, e engadiu que “se non hai ningún tipo de regularización por parte dos usuarios teranse que levar a cabo medidas restritivas dende o Concello”, aínda que polo momento non están contempladas.
O noso municipio abastécese do río Umia. As súas augas son tratadas na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Parada e dende alí trasládanse aos depósitos ubicados en Penerada, dende os que baixa pola traída municipal e se distribúe por todo o casco urbano e parte dos núcleos rurais máis próximos. En Codeseda existe outra traída pública que da servizo a esta parroquia. Recentemente, o goberno local investiu máis de 150.000 euros nas instalacións da súa captación, o que permitiu aumentar a súa capacidade.