HomeXunta de GaliciaA consellería de Sanidade inspecciona 361 piscinas de uso colectivo na provincia...

A consellería de Sanidade inspecciona 361 piscinas de uso colectivo na provincia de Pontevedra para garantir a súa calidade sanitaria

- Anuncio -spot_img

― Delas, 88 son de uso continuo e 273 son de tempada; cifra que pode incrementarse, xa que están a recibirse novas declaracións de inicio de actividade de piscina

― O persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública das diferentes Xefaturas Territoriais verifica e controla que o titular das instalacións cumpre a normativa sanitaria vixente e garante a calidade da auga de baño nas súas instalacións

― En canto ás indicacións de mantemento, os responsables das piscinas de uso colectivo deben garantir que a auga dos vasos está libre de organismos patóxenos e de sustancias nunha cantidade ou concentración que poda supor un risco para a saúde humana, garantindo o cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación vixente

― A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade pon a disposición da cidadanía información relativa ás piscinas, que se poden consultar na súa páxina web https://www.sergas.es/saude-publica/piscinas

A Consellería de Sanidade, a través da súa Xefatura Territorial en Pontevedra, inspecciona na presente tempada estival piscinas de uso colectivo repartidas por toda a xeografía provincial para garantir a súa calidade sanitaria. Deste xeito, na provincia de Pontevedra supervísanse 361 piscinas, das que 88 son de uso continuo e 273 son de tempada. Unha cifra que pode incrementarse, xa que están a recibirse novas declaracións de inicio de actividade de piscina.

O persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública das diferentes Xefaturas Territoriais verifica e controla que o titular das instalacións cumpre a normativa sanitaria vixente e garante a calidade da auga de baño nas súas instalacións.

Criterios hixiénico-sanitarios das instalacións
En canto ás indicacións de mantemento, os responsables das piscinas de uso colectivo deben garantir que a auga dos vasos está libre de organismos patóxenos e de sustancias nunha cantidade ou concentración que poda supor un risco para a saúde humana, garantindo o cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación vixente.

Para o cal realizarán controis de rutina de xeito diario, de forma xeral entre outros parámetros do nivel de desinfectante residual, o pH e a transparencia, e realizan controis mensuais dos que se extraen parámetros microbiolóxicos e físico-químicos. Todos os parámetros controlados informan da calidade da auga.

Segundo a normativa vixente, os produtos biocidas que se usen no tratamento da auga deben estar rexistrados como tales ante o Ministerio de Sanidade.

Persoal e elementos de seguridade
De ser o caso, o persoal socorrista debe permanecer nas instalacións exercendo unha vixilancia eficaz durante o tempo de apertura ao público e as instalacións disporán dos elementos de seguridade que sexan necesarios para evitar ou minimizar o risco de afogamento.

Normativa vixente
A normativa vixente é o Real decreto 742/2013, do 27 de setembro polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas (BOE núm. 244, do 11 de outubro de 2013) e a da Comunidade Autónoma de Galicia relativa a estas instalacións, o Decreto 119/2019, do 19 de setembro polo que se regulan os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de Galicia (DOG núm. 191, do 8 de outubro de 2019)

Todo establecemento que oferte entre os seus servizos a actividade de piscina para uso público, debe declarar na Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade na que se atope dita instalación mediante a sede electrónica o inicio de dita actividade ou variación nos datos previos declarados ou ben, de ser o caso, comunicar o reinicio/peche de actividade nunha piscina.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade pon a disposición da cidadanía información relativa ás piscinas, que se poden consultar na súa páxina web https://www.sergas.es/saude-publica/piscinas.

Outros consellos preventivos
A Dirección Xeral da Consellería de Sanidade tamén lembra as persoas usuarias de piscinas de uso colectivo que os establecementos deben por á súa disposición un regulamento de réxime interno coas normas de utilización das piscinas que incluirá entre outras prescricións, o respectar en todo momento as indicacións do persoal socorrista, a ducha previa ao mergullo na auga e facer emprego de calzado de baño persoal nas zonas de pes descalzos.

Do mesmo xeito, lémbrase que non está permitido comer, beber ou fumar en zonas reservadas para o baño nin deixar desperdicios nos recintos.

Así mesmo, toda persoa bañista debe cumprir co establecido no regulamento de réxime interno do establecemento e as recomendacións do material divulgativo sobre prevención de afogamentos, traumatismos cranio encefálicos e lesións medulares postos a súa disposición nos establecementos.

Publicacións Relacionadas