HomeO SalnésCambadosIncumprimento do acordo orzamentario 19 de xullo de 2022

Incumprimento do acordo orzamentario 19 de xullo de 2022

- Anuncio -spot_img

Cando o Goberno municipal presentou o seu borrador de orzamentos para o ano 2022, en primeiro lugar puidemos comprobar que carecían dun proxecto para Cambados. Tampouco corrixían eivas e desaxustes que se veñen arrastrando dende os gobernos do PP. En segundo lugar, anunciou a súa intención de aprobalos con “moción de confianza”, demostrando nulo interese en negocialos co resto das forzas que representan aos demáis veciños.

Nin eran as contas que tería elaborado o BNG, nin o bipartito ía a implementar medidas de calado e corrección das mesmas. Ante eses orzamentos deficientes, o BNG actuou con pragmatismo para conseguir melloras concretas para os veciños e os colectivos da vila. Froito da negociación, o Goberno e o BNG asinaron un acordo polo que o Goberno se comprometía a aplicar nove medidas.

As trabas non terminaron coa negociación. Durante o pleno de aprobación dos orzamentos, toda a veciñanza puido ver como o Concelleiro de Economía, co seu histrionismo habitual, intentou ata o último minuto boicotear o acordo. Non por frecuente deixa de decepcionarnos o seu proceder. Con todo, os concelleiros do BNG decidimos ignoralo, e respectamos o acordado.

Agora comprobamos como o Goberno non cumpriu nin o máis sinxelo. O punto oitavo consistía en convocar as transferencias a entidades sen ánimo de lucro antes do 25 de xuño. Ao vencer o prazo, agardamos uns días. Xa pasou case un mes. E no Goberno non hai con quen falar. O alcalde e concelleiros seguen sen dar explicacións nin facer o seu traballo, pero si tiveron tempo para sacarse fotos e ir a eventos de todo tipo.

Dende o BNG, como cada vez máis veciños, estamos fartos das escusas dun goberno carente de programa e orientado á propaganda. Anque xa están fora de prazo, dende aquí instámoslle a que cumpra as súas obrigas e convoque as axudas no que resta de semana.

Publicacións Relacionadas