A marcha comezou diante do Concello de Silleda dende onde o responsable comarcal de Galiza Nova Daniel Garrido conduciu as 20 persoas asistentes ata o Castro onde se reuniron co guía, o arqueólogo silledense Xulio Carballo.
A visita tivo unha vertente histórica e etnográfica que consistiu na explicación da importancia dos castros como legado da nosa cultura e historia e en concreto das singularidades do Castro de Toiriz ao longo dunha camiñata a redor do Castro e dos terreos lindeiros.
Mais a visita tamén tivo unha vertente reivindicativa e de denuncia, xa que no seu día Xulio Carballo da man do Colectivo en Defensa dos Castros de Toiriz impulsou a súa recuperación, limpeza e coñecemento, e hoxe en día se atopa abandonado, mal coidado e cunhas actuacións levadas a cabo por Fomento que para o arqueólogo non son realmente un proxecto de musealización ou de recuperación do xacemento, senón un proxecto arquitectónico de lucimento como se fose unha actuación nun parque calquera, e ademais non teñen ningunha sensibilidade sobre o patrimonio arqueolóxico e natural do entorno.
Esta actividade foi a segunda das organizadas por Galiza Nova e o BNG no marco da V Semana da Patria a cal concluirá nas comarcas do Deza e Tabeirós o venres ás 20:00 no MOME (A Estrada) co coloquio en torno a historia do movemento LGBT+ en Galiza da man do responsable de organización de Avante LGBT+, Alexandre Garrido.