O Concello de Ourense asinou no día de onte un convenio de colaboración con Tesgalicia, Asociación de técnicos de emerxencias sanitarias e xestores de emerxencias de Galicia. En virtude deste acordo, o Concello cédelle un local de formación nas instalacións do edificio do parque móbil municipal, no Campo de Feira, a cambio de formación (cursos, conferencias en primeiros auxilios, manexo de desfibriladores, reanimación cardiopulmonar, participación conxunta en simulacros, etc.) para o persoal municipal, principalmente de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, aínda que tamén para persoal dos diferentes servizos municipais, persoal docente e administrativo de centros educativos; entidades culturais, sociais ou deportivas …
Neste local cedido polo Concello, Tesgalicia (asociación de ámbito autonómico creada en Ourense hai xa 8 anos), pasa a ter a súa sede principal, na que tamén desenvolverá as principais tarefas propias da xestión da asociación e de atención aos seus asociados e ás súas asociadas. Tesgalicia tamén asesora en materia sanitaria; loxística sanitaria; instalación de desfibriladores en calquera entidade/local/comunidade, etc.
O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, e os concelleiros de Seguridade, Telmo Ucha, e de Administración Xeral, Antonio Fernández, asistiron no día de onte á entrega das chaves do local a ásociación, xunto con persoal dos servizos de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil.