Home Deputacións Deputación Ourense O escritor e editor Francisco Castro gaña o XIX Premio de literatura...

O escritor e editor Francisco Castro gaña o XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez coa obra Xoán, Xoana

- Anuncio -

O xurado do certame, na modalidade de narración, destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, ademais de sinalar “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”

A partir de hoxe e ata o 30 de setembro queda aberto o prazo para a presentación de orixinais na modalidade de ilustración

O escritor e editor Francisco Castro Veloso (Vigo, 1966) é o gañador do XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, pola súa obra Xoán, Xoana, presentada a este certame baixo o pseudónimo de Paul Breson. O xurado do galardón, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destaca a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, sinalando ademais “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”.

No seu fallo, o xurado tivo en conta “o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo”, así como o feito de que “a obra potencia dende o principio o interese por coñecer o final e por saber que vai pasar”. No relativo á temática, o autor “dá visibilidade aos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo, e dá voz á diversidade”, sinala o xurado. Xoán, Xoana aborda unha cuestión que, nestes contextos, “produce as veces situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo”, ademais de reflectir un problema “que se presenta, tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia”.

Para o xurado, o texto gañador achega valores interesantes “coma a perseveranza e a loita, pero tamén o respecto, a empatía e a integración, así coma a necesaria convivencia en sociedade”. Unha historia que provoca que o lector “empatice cos que son diferentes e nos pon a todos ante o espello”.

O xurado estivo presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, actuando como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio e Isabel Mociño, cada un deles en representación dos grupos políticos presentes na corporación provincial (PP, PSOE, DO e BNG). A xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre, exerceu como secretaria.

Unha longa traxectoria de premios

Francisco Castro estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, é cronista cultural en varios medios galegos e na actualidade dirixe a Editorial Galaxia. Na súa traxectoria como escritor xa foi distinguido con diversos galardóns, como o Premio Frei Martín Sarmiento por Un bosque cheo de faias (2004). En 2006 recibiu o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam. Un ano despois gañou o Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa. Tamén en 2007 foi distinguido co Frei Martín Sarmiento ao mellor libro do ano por O ceo dos afogados.

En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García “Borobó”, e tamén nese ano publicou a novela Chamádeme Simbad (Lista de Honra de IBBY 2012) e Premio Frei Martín Sarmiento 2011.

A finais do ano 2010 foi nomeado presidente de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), cargo que desenvolveu ata finais de 2015. En 2020 Iridium foi incluída no Catálogo do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais.

Aberto o prazo para a modalidade de ilustración

Convocado pola Deputación de Ourense, o Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez está dotado 1.500 euros. Unha vez fallada a modalidade de narración, a partir de hoxe mesmo queda aberto o prazo para a presentación de orixinais na modalidade de ilustración, que co mesmo premio ten por obxectivo complementar con imaxes a narración.

Todos os interesados en participar nesta modalidade terán de prazo ata o día 30 de setembro para presentar as súas propostas gráficas. Co fin de axustarse á obra gañadora poderán solicitar o texto no enderezo electrónico publicacións@depourense.es

Relacionadas

O programa de fomento deportivo da Deputación promoveu unha vida saudable entre 2.400 participantes...

0
Cunha dotación de 60.000 euros, esta iniciativa incluíu ata 18 disciplinas para promover o deporte familiar A gran implicación da comunidade e a ampla franxa...

A Deputación leva este xoves a Arbo, Baiona e Salceda de Caselas o circuíto...

0
“Lúa quere viaxar a… Marte” de A Xanela do Maxín chegará ás 11:00 horas á biblioteca municipal de Arbo mentres que á praza do...

A Deputación leva este xoves a Moraña o circuíto +Escénicas con “O Apalpador e...

0
O espectáculo de teatro familiar poderá verse de balde ás 20:00 horas no auditorio do edificio multiúsos +Escénicas é un novo circuíto da institución provincial,...

O Grupo provincial do PP esixe ao Goberno de España que se comprometa xa...

0
Desde o PP Provincial indican que están especialmente comprometidos con esta demanda, e xa por iso no pasado mes de setembro presentaron unha moción...

A Deputación abrirá en 2025 unha nova liña de axudas destinadas a asociacións de...

0
Cunha dotación de 50.000 euros, estas achegas teñen como obxectivo cubrir os gastos de xestión dos animais procedentes dos centros de acollida da rede...

Inaugurado o ascensor da rúa Rosalía de Castro

0
A obra supón unha importante mellora na comunicación peonil entre as dúas ribeiras do Miño O alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, inaugurou esta mañá...

Publicacións Relacionadas