o A ruta, organizada por Agadea, contará cun percorrido de 8 quilómetros e de baixa dificultade, dous avituallamentos, actividades e a actuación do grupo Regatos
A edil de Benestar Social, Amalia Goldar, presentou esta mañá a sexta edición da andaina solidaria “Os camiños da memoria”, organizada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea) en colaboración co Concello, que volverá acoller A Estrada o día 16 de setembro despois de dous anos celebrándose en formato virtual por mor da pandemia.
Durante a presentación do evento, a edil de Benestar Social estivo acompañada da presidenta de Agadea, Isabel Gey; da coordinadora da asociación na Estrada, Sonia Castro; e do representante da asociación colaboradora SendeRuta, Toni Ibáñez. Goldar agradeceu “a implicación e a colaboración de Agadea a través desta e doutras moitas actividades que celebran no noso municipio encamiñadas ao envellecemento activo” e animou a toda a veciñanza a formar parte desta iniciativa.
Pola súa banda, Isabel Gey quixo agradecer a colaboración do Concello da Estrada e mais das empresas colaboradoras. A presidenta de Agadea explicou que a actividade física “é un dos piares máis importantes para previr as demencias en xeral, e o Alzhéimer en particular” e precisou que a través desta actividade “preténdese sensibilizar á sociedade sobre estas enfermidades para evitar os estigmas sociais e familiares que aínda existen arredor delas”.
A andaina dará comezo o venres 16 de setembro, ás 19.30 horas na Praza do Novo Mercado. Alí haberá actividades organizadas pola asociación xuvenil Ocionautas e acompañamento musical a cargo do grupo de folk Regatos. Dende a organización recomendan vestir roupa e calzado cómodos e acudir unha hora antes para que os/as participantes poidan recoller cadanseu dorsal e realizar a entrega de camisetas e mochilas.
A ruta terá un percorrido de oito quilómetros en total con dúas zonas de avituallamento, comezará e rematará na Praza do Novo Mercado, desprazarase por Figueiroa de Abaixo e Figueiroa de Arriba e será de baixa dificultade “co obxectivo de que participe xente de todas as idades, dende nenos ata avós”, explicou Gey.
Aquelas persoas interesadas en participar poderanse inscribir ata o día 14 de setembro ás 13.00 horas, a través da páxina web da asociación www.agadea.org. A inscrición terá un prezo de 5 euros para os/as maiores de 12 anos e será gratuíta para os/as menores desta idade. Aqueles que desexen colaborar coa asociación poderano facer tamén a
través do “Dorsal 0”.
Na actualidade, Agadea conta con arredor dunha vintena de usuarios/as tanto no seu Servizo de Estimulación Terapéutica como no centro de día ubicados no Novo Mercado.
A edil de Benestar Social referiuse a este último e avanzou que “nos vindeiros días, o Concello presentaralle á Xunta o proxecto para a ampliación do número de prazas dispoñibles, que dependerá do que dictamine a administración autonómica”. Neste eido, Goldar tamén destacou a calidade deste servizo municipal, impulsado polo goberno local e financiado con fondos propios do Concello, no que “por menos de 30 euros ao día podes ter coidada á túa persoa maior durante toda a xornada, nun centro completamente equipado, con comida, con profesionais cualificados e servizo de fisioterapia”.