HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Organización Mundial do Turismo realiza o lanzamento oficial do Congreso Internacional...

A Organización Mundial do Turismo realiza o lanzamento oficial do Congreso Internacional de Turismo Termal que acollerá Ourense

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación e da EHTTA, Manuel Baltar, participou en Madrid nunha reunión de traballo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director de Membros Afiliados da OMT, Ión Vilcu, para analizar os detalles do congreso que arrincará o 27 de setembro en Ourense

Manuel Baltar destaca que este congreso, organizado pola EHTTA co aval da OMT e o apoio da Xunta, “sitúa a Ourense como capital mundial do termalismo” e avanza que “reunirá a expertos de termalismo a nivel global para debater sobre un sector crave a nivel económico”

O presidente da Deputación e da EHTTA reivindica o traballo realizado nos últimos anos polo goberno provincial para impulsar este sector, con ferramentas como “o plan de termalismo social, a apertura de novos balnearios, a presenza en foros internacionais ou proxectos como o gran hotel balneario de Ourense”

Alfonso Rueda sinalou o rol referencial de Galicia no turismo termal, lembrando a aposta da Xunta e situando como unha das claves de desenvolvemento para o sector a chegada da Alta Velocidade

Na reunión tamén se abordou a integración do destino turístico na Rede Internacional de Observatorios da Organización Mundial de Turismo

A Organización Mundial do Turismo (OMT) acolleu esta mañá na súa sede de Madrid unha reunión de traballo para preparar e lanzar o Congreso Internacional de Turismo Termal que terá como sede Ourense do 27 ao 29 de setembro. Neste encontro participou o presidente da Deputación de Ourense e máximo responsable da European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), Manuel Baltar; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e Ión Vilcu, director de Membros Afiliados da OMT, da que forman parte tanto a EHTTA como a Axencia Turismo de Galicia, presidida polo propio Alfonso Rueda. Na reunión desta mañá analizouse o programa do congreso, centrado nos “Destinos Termais Sostibles do Futuro”, e que está organizado pola EHTTA co respaldo da OMT.

Ao acabar o encontro de traballo, Manuel Baltar inicidió en que “Ourense, e por tanto Galicia, sitúase como capital mundial do termalismo con este congreso que organiza a EHTTA, que integra a medio centenar de destinos termais procedentes de 17 países, co importantísimo aval da Organización Mundial de Turismo e o apoio da Xunta de Galicia”.

O presidente da Deputación e da EHTTA mostrouse convencido que “este congreso será un importante foro de debate ao redor da sustentabilidade do turismo termal, na liña na que estamos a traballar. Ourense é o territorio con maior potencial termal de Europa e este encontro supoñerá avanzar na internacionalización do termalismo ourensán, acollendo a expertos en termalismo a nivel global para falar dun sector crave a nivel sanitario e tamén económico”.

Manuel Baltar reivindicou o traballo realizado nos últimos anos desde a Deputación, “co programa de termalismo social, coa apertura de novos balnearios, presenza en foros internacionais e poñendo en marcha infraestrutucturas clave, como será a conversión da propia Deputación no gran hotel balneario de Ourense. Un reto ambicioso e de futuro, que sen dúbida combinado coa Alta Velocidade seguirá impulsando á nosa cidade e á nosa provincia”.

Un papel referente no turismo termal e saúde

Pola súa banda, Alfonso Rueda destacou o papel referente de Galicia no turismo termal e de saúde: “España é o segundo país de Europa con máis instalacións e promoción do termalismo e dentro de España, Galicia está á cabeza tanto en cantidade como en calidade, con eixos como Ourense”. O presidente da Xunta lembrou a “aposta” polo turismo termal e cualificouno como un puntal no modelo turístico seguro, natural, de espazos abertos e de calidade que despunta despois da pandemia. E recoñecendo a capacidade de Galicia para desestacionalizar o turismo, diversificalo e estendelo polas comarcas interiores, Alfonso Rueda incidiu na oportunidade que supón a chegada do AVE a Ourense para atraer turistas á Galicia “máis aló dos meses centrais”.

Mentres tanto, Ión Vilcu, o director de Membros Afiliados da OMT -a única axencia das Nacións Unidas con sede en España- resaltou a calidade da axenda académica da cita e avanzou o compromiso da OMT coa promoción global do turismo termal.

Unha visión global do desenvolvemento sostible do sector termal

O Congreso Internacional de Turismo Termal contará en Ourense cunha vintena de expertos que representan a visión global do desenvolvemento sostible do sector desde dos cinco continentes -Europa, Asia, África, América do Norte e América do Sur- e estruturaranse ao redor de tres paneis temáticos: patrimonio, turismo e sustentabilidade.

O programa comprende a expertos de recoñecido prestixio internacional como poden sen ser o secretario xeral de Great Spa Towns of Europe, Paul Simons; a directora rexional de Saratoga Spa State Park, Alane Ball; o vicepresidente do centro internacional de conservación de ICOMOS-X’ian, Feng Jian; o secretario executivo do Instituto Nacional de Promoción Turística de Arxentina, Ricardo Eslamiada; o CEO de Budapest Spas cPlc, Ildikó Szuts.

A cita, que conta coa inscrición de profesionais procedentes de todo o mundo, tamén acollerá as presentacións de Ourense e de Galicia como destinos termais de referencia.

Presentación internacional do proxecto do gran hotel balneario de Ourense

Entre as sedes do Congreso Internacional de Turismo Termal atópase o propio Pazo Provincial, co obxectivo de facer unha presentación internacional do proxecto do gran hotel balneario Auria, que pasará a ser un referente nos balnearios urbanos de Europa. Tamén se desenvolverá noutros espazos de gran valor patrimonial como o Claustro de San Francisco, o Teatro Principal ou o recinto feiral de Expourense, xa que o día 29 de setembro celebrarase a feira internacional de Termatalia, completando así unha proposta profesional que converterá a Ourense e Galicia no epicentro mundial do termalismo.

Respaldo de todas as asociacións internacionais do sector

O Congreso Internacional de Turismo Termal está organizado pola European Historic Thermal Town Association coa aprobación da última asemblea da OMT, celebrada en Madrid o pasado mes de novembro. E conta co respaldo de todas as asociacións internacionais do sector, como a European Spas Association, a Great Spa Towns of Europe, a Sociedade Internacional de Hidrología Médica, e o auspicio fundamental da Deputación de Ourense e Xunta de Galicia para materializar esta iniciativa. O Comité de Honra do congreso internacional está presidido pola súa Maxestade a Raíña Sofía.

Integración na Rede Internacional de Observatorios da OMT

Na reunión desta mañá en Madrid tamén participou a coordinadora do departamento de Desenvolvemento Sostible da OMT, Cordula Wohlmuther, a xerente do Inorde, Emma González, ou o presidente do comité científico da EHTTA, Mario Crecente.

Durante este encontro de traballo, ademais das cuestións relacionadas co Congreso Internacional de Turismo Termal, abordáronse os pasos necesarios para que o destino poida adherirse á Rede Internacional de Observatorios da Organización Mundial do Turismo. Un movemento que entronca coa folla de roteiro marcado polo Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Termal, así como outros Destinos Termais que forman parte da European Historic Thermal Towns Association en Europa.

Publicacións Relacionadas