• A media de todo o mes superou o 87%, tal e como sinala a responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio)
• As oficinas de información asesoraron a máis de 3.500 persoas, entre as que se inclúen visitantes de países como Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Luxemburgo ou Arxentina
Un verán máis, o concello de Poio consolídase como un dos destinos turísticos de referencia nas Rías Baixas. Así o demostran os datos correspondentes á ocupación hoteleira rexistrados durante o pasado mes de agosto, no que se superou o 87%. A tenente de alcalde e responsable do departamento de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), lembra que este rexistro é moi similar ao acadado nos últimos anos. Mención especial merece o dato correspondente ás dúas primeiras semanas. Entre os días 1 e 15, chegáronse a ocupar preto do 94% das prazas (un 93,7%, concretamente), o que supón o índice máis alto nese período nos últimos veráns. A diferencia é ostensible con respecto ás tempadas de 2020 e 2021, nas que non se chegara ao 90% nesas datas.
Estes datos foron achegados polos preto de 30 establecementos que permaneceron operativos durante o verán, e que suman entre todos máis dun milleiro de prazas como oferta. “En varios destes negocios durante todo o mes de agosto a ocupación oscilou entre o 90 e o 95%, especialmente nas casas rurais”, apuntou a titular de Turismo, que salienta a profesionalidade do sector en Poio. “Seguiremos a traballar con eles para que estes datos tan positivos se vexan tamén reflectidos máis alá da época estival, de xeito que poidamos consolidar Poio como un destino apetecible para estancias ao longo dos doce meses do ano”, aseverou.
Con respecto á actividade rexistrada nas oficinas de Turismo, esta experimentou tamén un crecemento con respecto a agosto de 2021, situándose por riba das 3.500 consultas. A meirande parte delas realizáronse nas dependencias situadas na Escola do Campo de Combarro. As cifras constatan que o turismo nacional segue a ser un dos principais piares do sector, se ben tamén se consolidou o incremento de visitas de persoas estranxeiras . Xente de países como Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Luxemburgo ou Arxentina solicitaron información tanto en Combarro como no Casal de Ferreirós, interesándose sobre cuestións como o patrimonio que existe no municipio, a gastronomía, as praias ou as rutas de sendeirismo. Ademais, nas últimas semanas tamén se foi consolidando o interese polas visitas guiadas á Illa de Tambo, que permanecerán operativas durante as fins de semana e festivos.
Neste sentido, Silvia Díaz lembra que nas oficinas de Turismo a cidadanía ten á súa disposición un folleto que achega información de interese sobre a historia, o patrimonio e os atractivos de Tambo.