Do Campo subliña a importancia deste tipo de eventos de carácter internacional para proxectar a imaxe deste espazo natural no resto do mundo e transmitir a idea de que a protección da biodiversidade pode ser compatible cun uso público sostible dos recursos
A Xunta de Galicia colaborará un ano máis na competición internacional de natación Tripla Coroa Illas Atlánticas, cuxa terceira edición comezará oficialmente este sábado, 10 de setembro, e acollerá nas illas, ao igual que en anos anteriores, toda unha serie de actividades medioambientais paralelas á proba co obxectivo de proxectar a imaxe deste espazo natural e dar a coñecer os seus valores.
Así o explicou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen participou en Baiona no acto de presentación previo á celebración dunha das competicións a nado máis duras de Europa e na que o Goberno galego colabora desde o principio, brindando o seu apoio tanto loxístico como económico.
O obxectivo, tal e como indicou Do Campo, é que a Tripla Coroa Illas Atlánticas sirva de escaparate internacional para divulgar e poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesoura o único Parque Nacional de Galicia. Para iso, están programados toda unha serie de actividades que se desenvolverán paralelamente á travesía a nado grazas á colaboración do persoal e da dirección do Parque.
Baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, o arquipélago de Cíes será o escenario de varias accións medioambientais que terán como fin poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesouran estas illas e o Parque Nacional no seu conxunto, que este ano, tal e como recordou Do Campo, cumpre 20 anos da súa declaración.
Neste sentido, o programa inclúe unha ruta guiada por Cíes que concluirá cunha acción de limpeza e recollida de residuos na praia de Rodas, lugar que acollerá a saída da proba. Ademais, convocarase un concurso de fotografía entre os todos participantes no que se premiará ás tres instantáneas máis orixinais e que mellor representen á illa.
15 km en augas abertas
A Tripla Coroa Illas Atlánticas 2022-2024 comezará este sábado cun percorrido de 15 quilómetros por augas abertas entre a praia de Rodas e a de Ribeira, en Baiona, ao longo do que se despregará un completo dispositivo de seguridade e apoio aos nadadores.
Esta será a primeira das tres probas que integran esta edición, que se desenvolverá ao longo dun total de 57 quilómetros. A seguinte etapa, prevista para o ano que vén, terá como punto de partida a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e tras 19 km de percorrido finalizará na praia ribeirense de Coroso. A terceira e última proba desta edición celebrarase no ano 2024 e será a máis larga: un total de 23 km en augas abertas entre a illa de Ons e Combarro, en Poio, pasando antes pola illa de Tambo.
Precisamente, Belén do Campo fixo fincapé no “espectacular percorrido” que lles agarda aos 160 participantes inscritos na proba deste sábado, procedentes de 12 comunidades autónomas e tamén doutros países, como Francia ou Portugal. Por iso, subliñou que máis alá da innegable transcendencia da Tripla Coroa Illas Atlánticas desde o punto de vista deportivo, acontecementos deste tipo teñen importancia tamén porque son un exemplo de equilibrio entre os usos posibles e compatibles coa protección dos espazos naturais.
Tras salientar ademais o carácter internacional da competición, do Campo subliñou que a travesía a nado prevista entre Cíes e Baiona servirá de escaparate promocional para dar a coñecer en todo o mundo as Illas Atlánticas, un espazo natural que, como lembrou, está moi vencellado ao mar xa que “o 85% da súa superficie protexida é mariña”.