— Un equipo multidisciplinar ofrece unha resposta integral ás necesidades dos pequenos en campos como a fisioterapia, a logopedia, a psicoloxía e a pedagoxía
— Este ano 2022 rematará con 46 servizos deste tipo en funcionamento na nosa comunidade
O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe a importancia da prevención e da detección precoz para o tratamento de problemas do desenvolvemento en nenas e nenos de 0 a 6 anos. Díxoo durante a visita ao servizo de atención temperá que financia a Xunta de Galicia en Toques e no que unha vintena de menores reciben coidados profesionais.
Fernando González Abeijón explicou que esta unidade especializada non só atende ás familias de Toques, xa que tamén acoden a ela veciños dos municipios de Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar. Un equipo multidisciplinar ofrece unha resposta integral ás necesidades dos pequenos nos ámbitos da fisioterapia, a logopedia, a psicoloxía e a pedagoxía; ao tempo que serve de guía aos pais sobre como afrontar trastornos de desenvolvemento nos seus fillos.
Este servizo de coidados á infancia de Toques, á que o Goberno galego destina este ano máis de 69.000 euros, forma parte da Rede galega de atención temperá. Este ano 2022 rematará con 46 unidades especializadas deste tipo en funcionamento, cun investimento de máis de 6 millóns de euros por parte da Administración autonómica.
Máis cobertura
A aposta pola atención temperá que a Xunta de Galicia está a levar a cabo desde hai máis dunha década permitiu multiplicar por 15 o número de unidades en funcionamento desde 2009, cando só había dúas que cubrían 15 municipios; e multiplicar por dez o número de menores atendidos, que pasaron de 160 a 1.500.