HomeTabeirósA EstradaBNG rexistra unha moción para baixar o IVE do gas butano e...

BNG rexistra unha moción para baixar o IVE do gas butano e propano

- Anuncio -spot_img

Susana Camba: “A baixada do IVE do gas que entrou en vigor o día 1 de outubro é positiva, pero inexplicabelmente deixa fóra aos consumidores e consumidoras de gas butano e propano, e isto o goberno español ten que corrixilo, este tipo de gas utilízase moito no rural”

O 1 de outubro entrou en vigor o Real Decreto Lei 17/2022, polo que se reduciu temporalmente o tipo do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) aplicábel ao gas natural, que pasa do 21% ao 5%. A redución do IVE tamén será de aplicación á biomasa, pellets, briquetas e leña até o 31 de decembro de 2022.

A concelleira do BNG, Susana Camba, indica que “esta é unha medida positiva, pero que se queda curta, deixa a meirande parte dos veciños e veciñas da estrada fóra da baixada do IVE, que, sen dúbida, reducirá notabelmente a factura do gas”. “Hai que ter en conta que o gas natural ou canalizado só está despregado vila e non chega a todas as rúas nin a todos os edificios do casco”, afirma a concelleira, “e por suposto ningunha parroquia do rural ten canalización de gas”.

“No BNG analizamos esta situación e pensamos que o goberno español discrimina aos consumidores e consumidoras, deixando fóra desta medida aos veciños e veciñas que utilizan gas butano ou gas propano, que non entran dentro do Real Decreto Lei que entrou en vigor o 1 de outubro”. “Hai que ter en conta que o butano e o propano utilízase na calefacción (estufas), mais tamén nas cociñas, cousa que no rural este tipo de gas licuado do petróleo é un elemento que está moi estendido entre os veciños e veciñas”, engade.

O BNG rexistrará e defenderá no vindeiro pleno unha moción para instar ao goberno español de PSOE e Unidas Podemos a rectificar e rebaixar tamén ao 5% de IVE o gas licuado do petróleo (butano e propano).

“Como dixemos esta medida discrimina aos consumidores e consumidoras”, afirma a concelleira nacionalista, “e son precisamente as persoas máis vulnerábeis economicamente as que máis padecerán esta medida, xa que nin teñen opción do gas canalizado nin teñen capacidade económica para instalar outro tipo de calefacción ou cociña.”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, explica que “agardo que todos os partidos non só apoien esta moción, senón que apoien a urxencia para poder tratala neste pleno; a baixada do do IVE ten un tempo limitado, en principio só se aplicará até o 31 de decembro deste ano e non podemos agardar meses ou semanas a que o goberno municipal teña a ben debater esta moción en comisión e en pleno”.

“Sabemos que aprobar esta moción non implica que automaticamente se baixe o IVE ao 5%, pero si é un tirón de orellas a un goberno que presume de ser o máis progresista da historia e un xeito de presionar politicamente para que esta medida se aprobe canto antes”, indica.

Publicacións Relacionadas