• A iniciativa, de carácter gratuíto e que se desenvolverá este xoves no Centro de Formación da Reiboa, busca asesorar a persoas interesadas en emprender, tal e como apunta o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE)
A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, lembra que aínda quedan prazas libres para poder tomar parte no ciclo presencial que se impartirá este xoves, 6 de outubro, no Centro de Formación da Reiboa, na Seca, que versará sobre as sociedades laborais e o modelo cooperativo. Esta iniciativa está aberta ao público en xeral, especialmente a aquelas persoas que estean interesadas en emprender ou en iniciar un novo negocio. O horario será de 18.00 a 19.30 horas. O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeGPSOE), explica o Concello colabora na organización dunha cita que “pretende achegar experiencias reais de emprendemento con exemplos de entidades de éxito que se atopan operativas actualmente en Galicia”.
Abordaranse cuestións como os valores da economía social e a maneira de aplicar a fórmula empresarial cooperativa, coas súas vantaxes. As anotacións poden levarse a cabo chamando ao 986770001 (extensión 1260) ou enviando un correo electrónico a promocioneconomica@concellopoio.org.



