• O prazo para presentar solicitudes finaliza o 20 de outubro.
• “Nun contexto socioeconómico tan complicado como o actual, cremos que é necesario garantir que todas as familias poidan acceder á oferta de actividades do Concello”, destaca José Miguel Alonso Pumar.
O Concello de Cariño abriu o prazo para enviar solicitudes á súa liña de axudas destinada a garantir o acceso ás actividades culturais, deportivas e educativas (clases de apoio aos estudos, necesidades educativas…) municipais, que conta cun orzamento total de 8.000 euros e que poderá cubrir ata o 100% do custo da actividade.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, destaca que “nun contexto socioeconómico tan complicado como o actual, cremos que é necesario garantir que todas as familias poidan acceder á oferta de actividades do Concello, que cremos que son un dereito básico para os nosos veciños e veciñas”.
O prazo para presentar solicitudes finaliza o 20 de outubro e poden presentarse a través do Rexistro municipal. Os únicos requisitos son: non dispoñer de ingresos suficientes para afrontar os gastos derivados da actividade, estar empadroado en Cariño e estar matriculado en centros educativos situados no municipio.
O importe das axudas fixarase atendendo ao custo das actividades presentadas, podendo cubrir ata o 100%. O Concello subvencionará un máximo de tres actividades por neno ou nena e, no caso de que haxa solicitudes con máis de tres opcións, só teranse en conta as tres primeiras.



