A obra, que contou coa colaboración da ANPA, permitíu transformar dous patios que dan acceso posterior ao centro ao poñer o chan de madeira tratada, incluír un banco tipo foso e colocar ramplas e tobogán
Os traballos foron realizados durante o verán para non interferir co inicio da actividade educativa en setembro e seguindo as pautas do sistema educativo ‘Lupo’
O Concello de Nigrán, coa colaboración da ANPA do CEIP Carlos Casares de Vilariño, ven de transfomar dous patios exteriores que dan acceso ao centro educativo pola parte posterior. O Concello realizou un investimento de 10.000 € colocando madeira tratada no chan de ambas zonas e habilitando un banco tipo foso de 2×2 metros no medio e unhas ramplas e tobogán desde a porta de entrada. A petición desta obra partíu da propia comunidade educativa e o deseño seguíu as pautas do sistema pedagóxico ‘Lupo’ co que traballa o centro, xa que se trataba de dous espazos en desuso e carentes de calquera tipo de atractivo como zona de xogo (coa gran vantaxe de que, aínda sendo un lugar aberto, o teito é cuberto, polo que se pode empregar como patio nos días de choiva). As obras foron realizados durante o verán para non interferir co inicio da actividade educativa en setembro.
“Pasiño a pasiño camiñamos xunto ao arquitecto responsable do sistema Lupo para crear un cole máis inclusivo, naturalizado e que responsa máis as pautas de pedagoxías alternativas como Waldorf ou Montessori. O obxectivo final é chegar a acadar un verdadeiro bosque-escola aproveitando toda a superficie forestal coa que linda”, resume o alcalde, Juan González.



