HomePontevedraDezaA XGN R Encounter arrinca mañá con cerca de 800 inscritos e...

A XGN R Encounter arrinca mañá con cerca de 800 inscritos e un completo programa lúdico e formativo

- Anuncio -spot_img

 Esta cita coa informática e as novas tecnoloxías, que terá lugar ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, conta de novo co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e con R como empresa colaboradora e patrocinadora oficial

 Os participantes na Intranet poderán comezar a acreditarse e instalarse dende primeira hora desta tarde, cando a party abre as súas portas de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso, se ben o evento e o programa non comezarán ata mañá

 Serán máis de 50 as actividades programadas, con propostas exclusivas para inscritos e tamén conferencias, talleres e áreas de ocio de acceso libre durante os dous primeiros días

Todo preparado no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA para a 22ª XGN R Encounter, a cal se pon marcha mañá con preto de 800 inscritos que poderán desfrutar ata o vindeiro domingo dunha gran cita coa informática e as novas tecnoloxías.

Os rexistrados na party disporán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. Todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a R, a unha velocidade de ata 20 Gbps.

Estes participantes na Intranet da XGN R Encounter xa poderán comezar a acreditarse e instalarse desde primeira hora desta tarde, cando a party abre as súas portas de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que o evento e o programa non comezarán ata mañá.

Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita que se desenvolverá xa no seu formato completo nos dous pavillóns principais do recinto, de 10.000 metros cadrados cada un deles. Así, tras celebrase online en 2020 e facelo de forma presencial para inscritos en 2021, este ano recupera tamén a súa área de acceso libre no recinto, cuxas actividades se realizaron na pasada edición a través de internet porque a pandemia aínda o esixía.

Esta zona aberta, denominada Extranet, contará durante os dous primeiros días da party cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente os rexistrados e tamén os visitantes que se acheguen de forma ocasional. A volta á presencialidade deste espazo permitirá retomar actividades con gran atractivo.

Numerosas actividades
O programa da XGN R Encounter 2022 sumará na Intranet e a Extranet máis de 50 propostas lúdicas e formativas con interesantes novidades.

En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN R
Encounter incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, talleres de hidroimpresión (consiste na transferencia dun deseño impreso nunha lámina a calquera obxecto que entre nunha cubeta) ou experiencias de realidade virtual.

Así mesmo, os participantes poderán tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse máis dunha ducia de torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, Fifa 22, Mario Kart 8 ou StreetFighter V. E, como sempre, o Trivial de cinema e de xogos, a competición de avións de papel “papers flight simulator” ou o “Game of encounter: A casa da org”, un torneo con gran número de probas.

A Extranet, pola súa banda, incluirá durante os dous primeiros días da party conferencias como “Monta a túa web dende cero”, “Ivao, simulando o ceo” ou “Materiais baratos para iniciarse no cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic)”, e tamén talleres para programar un sensor que mida a calidade do aire, deseñar un reloxo con 60 leds que fan de segundeiro ou xogar ao fútbol cos Robots Dash. Así mesmo, Ivao (International Virtual Aviation Organisation) organizará eventos de simulación de voo e concursos virtuais de “tomas suaves” e “voo nivelado”.

Todo iso dotará de gran atractivo a esta edición que conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sexto ano consecutivo e co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.

Publicacións Relacionadas