HomeA CoruñaO Concello de Frades, exemplo de boas prácticas no eido social polos...

O Concello de Frades, exemplo de boas prácticas no eido social polos seus programas de eliminación de barreiras e axudas técnicas

- Anuncio -spot_img

O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, participou nunha xornada técnica organizada pola Deputación da Coruña

Os innovadores programas sociais do Concello de Frades foron os protagonistas dunha xornada organizada pola Deputación da Coruña na que políticos e responsables técnicos dos distintos municipios compartiron experiencias de boas prácticas no ámbito social. Unha xornada na que participaron como poñentes o concelleiro de Sanidade de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, quen expuxo o novidoso programa de eliminación de barreiras arquitectónicas e adquisición de axudas técnicas; e a técnico de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira, quen falou do banco de axudas técnicas vencelladas ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Así, Manuel Ferreiro agradeceu a colaboración dos servizos técnicos da Deputación, así como “a valoración do traballo que se está a facer no noso concello”. Neste sentido, detallou a posta en marcha do programa de axudas técnicas e eliminación de barreiras arquitectónicas, dirixidas a persoas en situación de dependencia e/ou discapacidade, que o Concello de Frades puxo en marcha o pasado ano 2021.

“O obxectivo destas axudas era mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas para que acaden unha maior autonomía persoal, toda vez que coa pandemia sanitaria moitas persoas que se achegaban ao fogar de persoas maiores e dependentes para prestarlles apoios, coidados e compañía, tiveron que deixar de facelo para evitar contaxios”, explicou Ferreiro Marzoa. Unha liña de subvencións ás que o Concello de Frades destinou 40.000 euros, procedentes do POS+Adicional promovido pola Deputación da Coruña.

Continuidade das axudas

As axudas oscilaban entre os 1.200 e os 4.000 euros e contemplaban dúas liñas de gasto. A primeira era para axudas técnicas e produtos de apoio para a mobilidade (grúas, andadores, cadeiras de rodas…), para hixiene persoal (barras de suxeición, ducha para a cama…), para o descanso (camas articuladas, incorporador, varandas para a cama…) e para a comunicación (audífonos, avisadores sonoros, visuais ou táctiles, intercomunicadores…). A segunda estaba dirixida á eliminación de barreiras arquitectónicas e adaptación funcional do fogar, sobre todo no cuarto de baño (cambio de bañeira a ducha, asentos abatibles, adecuación dos sanitarios, chan antiescorregadizo…), adaptación de pavimentos, adecuación das portas para permitir o paso de cadeiras, instalación de barras, pasamáns, ramplas…

Neste sentido, o concelleiro de Sanidade apuntou que “a pesar da ampliación do servizo de axuda no fogar, o aumento do número de horas que estas persoas pasan soas fai que sexan máis conscientes da necesidade de adaptar os seus fogares ás súas necesidade. Para facilitarlles o seu día a día, decidimos convocar estas axudas para que poidan mellorar a súa autonomía persoal e a accesibilidade dos seus domicilios”.

Por iso, o Concello de Frades optou por ampliar estes servizos neste ano, coa posta en marcha dun servizo gratuíto de préstamos de axudas técnicas para a mobilidade (dirixido a persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM) ou o servizo de bono-taxi, que permite o traslado gratuíto de veciños e veciñas do municipio maiores de 65 anos ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% para poder acudir a citas médicas programadas en centros sanitarios do Sergas dentro da provincia da Coruña.

“Dous servizos que se unen a outros xa existentes como o servizo de axuda no fogar, o de teleasistencia, podoloxía, fisioterapia ou perruquería a domicilio, que xa levan anos en marcha e cunha resposta moi positiva por parte da veciñanza”, concluíu o concelleiro de Sanidade de Frades.

Publicacións Relacionadas