HomeXunta de GaliciaO Hospital do Salnés opta á reacreditación de calidade por parte da...

O Hospital do Salnés opta á reacreditación de calidade por parte da OMS/UNICEF que lle refrende coma único hospital IHAN do Sergas na actualidade en Galicia

- Anuncio -spot_img

― O equipo técnico que reavalia esta distinción internacional, así coma a Dirección do centro sanitario arousán, amosan a súa satisfacción polo destacado traballo de equipo e procedementos dos profesionais do Hospital do Salnés

O Hospital do Salnés opta á a reacreditación de calidade por parte da Organización Mundial da Saúde e a Unicef que lle refrende coma único “Hospital IHAN” -Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e Lactancia- do Servizo Galego de Saúde na actualidade na Comunidade Autónoma e continúa o proceso auditor, a súa fase técnica, avaliativa e administrativa.

Cómpre lembrar que en maio de 2005 o hospital arousán foi recoñecido con esta distinción internacional -entón denominada “Hospital Amigo dos Nenos”- que se outorga aos centros que cumpren cos requisitos sobre protección, promoción e apoio á lactación materna recomendados pola Organización Mundial da Saúde e pola Unicef.

O Hospital do Salnés, xunto co equipo que o dirixe e todos os seus profesionais, son conscientes de que a lactancia materna é o mellor xeito de alimentar aos meniños, recoñecendo os grandes beneficios na saúde que supoñen para a nai e o bebé. Este motivo, xunto co traballo na atención ao nacemento cos máximos niveis de humanización e calidade, é o que motiva ao Hospital arousán a implicarse neste proxecto de reacreditación, coa participación da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Durante un intensivo e longo proceso, o equipo técnico que avalia a través de diversas auditorías de calidade a distinción de “Hospital IHAN”, así coma a propia Dirección do Hospital do Salnés, amosan a súa satisfacción polo destacado traballo de equipo e procedementos clínicos e humáns que se realizan por parte dos profesionais dos diferentes servizos e unidades que interveñen no proceso de asistencia o nacemento. Así, o centro sanitario de Ande-Rubiáns continúa a ser referencia autonómica neste tipo de atencións de contrastada calidade asistencial.

Contacto pel con pel e fomento da lactancia materna
Segundo sinalan os profesionais dos diferentes servizos e unidades que interveñen no proceso de asistencia ao nacemento, a primeira hora de vida é moi importante para a nai e o fillo, cara ao seu benestar, para establecer o vínculo nai-fillo e iniciar o amamantamento. O contacto pel con pel favorece esta adaptación.

Se a situación clínica da nai e do bebé o permite, as matronas do Hospital do Salnés facilitan o contacto pel con pel nun entorno tranquilo o antes posible, coa colaboración dos xinecólogos, anestesistas, pediatras e persoal de Enfermería e Quirófano. Nesta práctica, colócase ao bebé espido sobre o abdomen materno, xa que o contacto pel con pel calma ao bebé, regula a súa frecuencia cardíaca e respiratoria, a súa temperatura, e lle estimula a buscar o peito.
Nos casos das mulleres que non poden beneficiarse deste método, por causas clínicas, o contacto materno trócase polo paterno ou polo da persoa que ela elixa.

Unha vez que a nai e o bebé soben ao andar de hospitalización, continúase coa mesma premisa de non separar aos bebés dos pais. O persoal está pendente en todo momento dos coidados da nai e do bebé, avaliando as tomas, na procura de que a nai teña un ambiente tranquilo para lactar e ensinándolles como recoñecer e dar resposta aos sinais precoces de fame, etc.

En definitiva, confirmando que a nai entende o funcionamento da lactancia. Naqueles casos nos que a nai exprese o seu desexo de alimentar ao bebé con leite de fórmula, o persoal do Hospital arousán explícalle individualmente como facelo, fomentando igualmente o contacto pel con pel.

Plan de Parto individualizado
O Hospital do Salnés dispón dunha vía clínica de Atención o Parto na que se recollen, entre outros, principios coma a seguridade e o apoio emocional á xestante, a liberdade de expresión, a liberdade de movementos e posturas, a asistencia profesional respetuosa, os procedementos naturais para abordar a dor, a intimidade e o tempo para acoller ao bebé, propiciando o contacto pel con pel tras o nacemento, a cohabitación da nai co bebé durante as 24 horas e o inicio da lactancia na primeira hora tras o parto. Todo elo, desenvolvido cos maiores niveis de evidencia científica.

Achegar a maior tranquilidade posible aos futuros pais, implicalos no proceso do parto de principio a fin e dotalos das ferramentas clave para que teñan unha maior capacidade de decisión sobre a situación que está por vir son as principais finalidades que guían o Plan de Parto individualizado, vixente no Hospital do Salnés e clave para continuar a ser un “Hospital IHAN” -Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e Lactancia-.

Coloquios e charlas grupais informativas
O equipo de matronas do Hospital do Salnés efectúa durante todo o ano coloquios e charlas grupais informativas sobre o plan de parto, co obxectivo de explicar aos futuros pais como será o proceso completo do parto, dende que aparecen os primeiros síntomas ata chegar ao momento de dar a luz e os instantes posteriores.

Deste xeito, os asistentes a estes coloquios e charlas informativas coñecen de primeira man os diferentes servizos que visitarán no Hospital arousán ata que obteñan a alta domiciliaria, ao cadro de persoal que as acompañará e cales son as alternativas ás que poden optar.

Grazas ao desenvolvemento do Plan de Parto individualizado as mulleres que dan a luz no Hospital do Salnés teñen a posibilidade de sinalar por escrito as súas preferencias á hora do alumeamento e definir polo miúdo como desexan que sexa ese momento.

Dende a Unidade de Partos, facilítase que as pacientes poidan dar a luz ao seu bebé nas unidades de traballo de parto e recuperación e realicen alí mesmo as dúas horas posteriores de puerperio inmediato baixo vixilancia da matrona.

Publicacións Relacionadas