• O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), sinala que a empresa responsable da limpeza e desbroce de cunetas e retirada de maleza cubriu xa máis do 23% da superficie total estipulada, que supera os 300 quilómetros
• O orzamento da licitación ascendeu a máis de 204.000 euros, IVE engadido, e divídese en cinco lotes diferentes
Desde o inicio da actividade da empresa responsable do servizo de limpeza en camiños rurais a principios de agosto puxéronse a punto máis de 71 quilómetros de vías, completándose traballos consistentes na limpeza das cunetas, incluíndo a retirada de maleza e a poda e posta a punto de árbores e setos. Así o confirmou o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), que explica que esta extensión equivale ao 23% de toda a superficie que se abarca con estas tarefas, e que supera os 300 quilómetros (dúas quendas de 154.000 metros cada unha).
Martínez Blanco lembra que este verán o Concello apostou por sacar a concurso a adxudicación deste servizo, que “cobra unha especial relevancia nun municipio como Poio, onde existe unha dispersión territorial moi ampla e que conta con moitas zonas rurais e camiños secundarios que son utilizados de xeito habitual e periódico pola veciñanza”. Estes 71.500 metros xa tratados puxéronse a punto entre principios de agosto e o día 30 de setembro. O orzamento total da licitación ascende a máis de 204.000 euros, IVE engadido. Ata o de agora, estes traballos eran asumidos polo persoal municipal. “O feito de contar cun servizo específico fai que a actuación sexa máis rápida e efectiva, sen que iso afecte á carga de traballo dos operarios do Concello”, sinala o edil do Goberno local.
Cómpre lembrar que a actuación dividiuse en 5 lotes diferentes. Durante o mes de agosto se cubriron 34.124 de limpeza, no que a meirande parte das actuacións correspondeu ao lote 1, que abarca camiños das parroquias de Raxó e Samieira, cos núcleos de A Serpe, Riodama, Tenogueira, Tarrío, Covadalaxe, Arén, Publicada, Pomar, Pedreisón, Seimorzáns, Covelo, Igrexa e Monte Bouza (29,3 quilómetros). Os 37.371 metros restantes puxéronse a punto durante o mes de setembro, con especial atención ás vías secundarias que figuran no lote 4, na parte leste da parroquia de San Xoán: Albar, Coruxa, Estanco, Campelo, O Casal, Fragamoreira, Liñares, O Muíño e Vilanova.
Con respecto ao lote 2, este correspondente a áreas da parroquia de Combarro e da parte Oeste de San Xoán: Armada, Chancelas, Cidrás, O Xuviño, Combarro, Casalvito, O Pereiro, Esperón, Vilar, Rial e Banda do Río. En total son 31,9 quilómetros de camiños neste apartado. San Xoán Centro focaliza integramente o lote 3, que contempla actuacións de limpeza nos lugares de A Escusa, A Seca, Arís, A Bouza, Convento, Fontenla, A Freixa, Riomouro, San Martiño, Sartal, A Seara, A Ucha e Zapata (31,3 quilómetros). Por último, o lote 5 corresponde á parroquia de San Salvador, coas zonas de A Barca, A Caeira, Anafáns, Andurique, Bao, Boavista, Encoirados, Lagoa, A Laxe, Lourido, Mato, Poio de Arriba, Porteliña, Portosanto, Sineiro, Valiña e Viñas. A través deste lote cubriranse 31 quilómetros de actuación.
O concelleiro de Medio Ambiente sinala que as actuacións se van realizando nos diferentes grupos, en función das necesidades e do estado que presenten os camiños.
Ademais, estas tarefas de desbroce e limpeza realízanse “de xeito periódico”.



