HomeTabeirósCerdedo - CotobadeFenando Vázquez inspecciona os labores de posta en valor dos petróglifos de...

Fenando Vázquez inspecciona os labores de posta en valor dos petróglifos de Portela da Laxe, en Viascón

- Anuncio -spot_img

• A intervención ampliarase á Laxe dos Cebros e Pedra das Ferraduras, ubicadas en Fentáns e á Laxe das Rodas, en San Xurxo

O alcalde en funcións do Concello de CerdedoCotobade, Fernando Vázquez, na compaña dos arqueólogos Tito Concheiro e Elena Taboada, da empresa Árbore Sociedade Cooperativa Galega, realizou unha visita aos traballos de limpeza e posta en valor dos petróglifos de Portela da Laxe, en Viascón.

Estes traballos están sendo levados a cabo pola empresa Árbore, Sociedade Cooperativa Galega, especializada en posta en valor do patrimonio arqueolóxico e encádrase nas actuacións previstas no convenio asinado entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo cal a Xunta aportou uns 30.000 euros destinados a preservar e poñer tamén en valor os petróglifos de Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras e Laxe das Rodas.

Os arqueólogos están procedendo á retirada da reixa de ferro, realizar a diagnose correspondente sobre o estado do soporte pétreo dos petróglifos e proceder, con coidado á limpeza do mesmo de musgos e liques para que se poidan contemplar en toda a súa magnitude os gravados, que son magníficos.

Este traballo complexo está sendo realizado por un equipo cualificado de restauradoras e arqueologos, con experiencia en actuacións anteriores de características semellantes, dirixidos por Tito Concheiro, unha verdadeira autoridade na materia.

Nestes momentos eliminouse toda a maleza que ameazaba a estes petróglifos e vaise proceder a aplicar novas tecnoloxías que están resultando moi efectivas noutras experiencias de recuperación similares no norte de Europa co fin de erradicar, sin causar o mínimo dano ao soporte pétreo, os liques que dificultan a observación e definición dos gravados rupestres.

A ESPERA DE SORPRESAS TRAS RETIRAR O MANTO VEXETAL
Posteriormente a este traballo, os arqueólogos pretenden retirar un manto vexetal que se foi extendendo por enriba desta estación rupestre e que podería poñer a descuberto novos gravados que redondearían esta espectacular actuación.

Tamén se aproveitarán estas intervencións para realizar traballos de documentación e rexistro dos petróglifos mediante o seu levantamento fotogramétrico e realización de fotografías nocturnas e tamén toma de imaxes e vídeo aéreo.

Outra parte dos traballos que serán realizados pola empresa Árbore consistirán na colocación e/ou reposición da sinaléctica, divulgación nas redes sociais destes elementos da arte rupestre, organización de visitas guiadas e charlas informativas sobre os petróglifos.

Os petróglifos da Portela da Laxe (GA36012035) sitúanse no lugar da Atalaia, na parroquia de Viascón e á beira mesmo da estrada N-640. Trátase dunha estación singular. Nesta rocha, posiblemente en varios momentos distintos, graváronse unha serie de motivos abstractos moi pouco frecuentes: paletas, cadrados puntados, esvásticas e outros, ademais das ubicuas combinacións circulares.

Publicacións Relacionadas