• Haberá un concerto ás 19:30 horas no Auditorio, presentado por Teresa Cuíñas e estará protagonizado polas bandas de música de Forcarei e Cerdedo
Cerdedo será a primeira sede na que se desenvolvan, este sábado 15 de outubro, as I Xornadas das Músicas da Terra de Montes organizadas por Rubén Troitiño e que conta coa colaboración, entre outros organismos e entidades, do Concello de Cerdedo-Cotobade.
A xornada iniciarase ás 10 horas coa celebración dun obradoiro sobre introdución á tecnoloxía, mantemento e reparación dos instrumentos de vento madeira impartido por Pablo Pascual. Esta actividade, que se levará a cabo na Escola de Música de Cerdedo, estará aberta a un máximo de 25 persoas previa inscrición no correo electrónico musicasdaterrademontes@gmail.com.
Ás 13:30 horas realizarase a colocación dunha placa conmemorativa en homenaxe á Banda de Música de Cerdedo nos locais que posúe a citaba agrupación musical e que albergan tamén á Escola de Música.
Pola tarde, entre as 16:30 e as 19:15 horas, no Centro Multisocial (Centro Cultural de Cerdedo) terá lubar unha exposición baixo o título xenérico de “As Bandas de Música de Cerdedo”.
Entre as 18 e as 19 horas, no Centro Multisocial (Centro Cultural de Cerdedo) terá lugar a conferencia “As Bandas de Música de Cerdedo”, impartida por Manuel Campos.
Como remate desta xornada, ás 19:30 horas, aproximadamente, dará comezo no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo un concerto presentado por Teresa Cuíñas e protagonizado polas bandas de música de Forcarei e Cerdedo.



